Opinión

Apropiación dos recursos aproveitando a pandemia do coronavirus

Se afirmamos que a Xunta de Galiza e as súas Consellarías teñen como obxectivo entregarlle ao capital os recursos do territorio galego, se afirmamos que a Xunta de Galiza e as súas Consellarías, para acadar tal fin, saltan por riba dos mínimos principios democráticos, non estamos fabulando nada .Estamos só narrando os principios políticos do Partido Popular. E para acadar estes obxectivos todo lles vale .Mesmo o estado de alarma declarado no territorio do Estado por mor do coronavirus .

Aproveitando a fase 0 do estado de alarma, onde estaban prohibidas as reunións sociais, o dereito de reunión), a Xunta deu luz verde a unha serie de proxectos industriais e dotacionais. Entre eles, a instalación de dous parques eólicos, un na serra da Groba e outro na serra do Galiñeiro, que afectan a diversas comunidades de montes do Baixo Miño, Val Miñor e a Louriña. Xa que logo, o Partido Popular, os intereses capitalistas, aproban a instalación de dous parques eólicos sen que as Comunidades de Montes (CCMM) afectadas tivesen información, coñecemento e, sobor de todo, sen que, por mor do estado de alarma, puidesen reunirse para analizar a cuestión e tomar unha decisión asemblearia. A instalación destes dous parques eólicos foi feita de xeito antidemocrático e oscurantista.

Se cadra, no tema do aproveitamento da enerxía eólica cómpre facer un pouco de memoria. O inicio do aproveitamento deste recurso dáse cando o señor Fraga era presidente da Xunta de Galiza a través dun decreto. En aplicación deste decreto, as empresas tiñan que falar coas CCMM afectadas e, coas que non chegasen a acordo, tiñan que entregar unha lista das mesmas e solicitar a expropiación das terras. Este implicaba a realización dun acto de prevalencia que decidía o consello da Xunta de Galiza. No goberno bipartito a Consellaría de Industria, dirixida politicamente polo BNG, promulga un novo decreto para o aproveitamento da enerxía eólica. Este decreto contemplaba unha ordenación do territorio, valoraba que fose acompañado dun proxecto agro-gandeiro axustado ao territorio e exixía o acordo de 75% dos titulares das terras. Co goberno do señor Feijóo promúlgase un novo decreto de aproveitamento eólico e a lei de iniciativas empresariais. Con estas dúas lexislacións, a empresa que quer instalar un parque eólico só ten que dirixirse á Consellaría do ramo e dicir que necesita a expropiación de terras para instalar o parque. Automaticamente, as terras son expropiadas. Fica claro cal desas tres lexislacións era a máis acaida para o territorio galego, para as súas populacións e para a veciñanza comuneira.

O aproveitamento eólico ten que ser considerado como un aproveitamento do monte e non como negocio do capital. O seu desenvolvemento ten que basearse nunha ordenación do territorio. E dicir, unha ordenación do territorio que indique en que lugares poden instalarse os muíños e nos que, por razóns medioambientais, patrimoniais ou culturais, non poderán instalarse. E dentro desta ordenación do territorio, os únicos que teñen que decidir a instalación do parque eólico son os titulares das terras, neste caso, as CCMM.

Fica claro que a aprobación que fixo o Partido Popular de instalar un parque eólico na serras da Grova e outro na serra do Galiñeiro non cumpre cun desenvolvemento racional de aproveitamento da enerxía eólica. Por non cumprir nin cumpre cuns principios mínimos democráticos. Se o Partido Popular fose democrático (unha ilusión), o que tería que facer no caso dos parques eólicos da serra da Grova e da serra do Galiñeiro sería voltar ao inicio. E dicir, iniciar o proceso de xeito democrático e contando co sentir das comunidades de montes afectadas.

Os intereses capitalistas, amparados polo Partido Popular, aproveitan calquera artimaña para facer florecer os seus negocios. Se cadra, a veciñanza comuneira tamén deberiamos aprender a aproveitar. Estamos ás portas dunhas eleccións para o Parlamento Galego. Non sería malo lembrar o lema daquela casa comercial que dicía: “Vexa, compare e, se atopa algo mellor, vote!”. A escolla non é difícil.

Comentarios