Opinión

Aldeas modelo: a última ficción da Consellaría do Medio Rural

Mediante a lei de Acompañamentos, tecnicamente chamada Lei de medidas fiscais e administrativas, aos orzamentos xerais da Xunta de Galiza, para o presente ano, foi modificada a lei de mobilidade de terras. Esta modificación consistiu en engadir un artigo máis intitulado "Fomento da mobilización de terras a través do programa ‘aldeas modelo’". Outra volta, o Partido Popular modifica unha lei mediante este procedemento. Un procedemento, a lei de acompañamentos, que é legal, mais é antidemocrático.

É antidemocrático xa que furta o debate dos grupos parlamentares e, ademais, a proposta, como sería preceptivo nun procedemento normal, non se discutiu no Consello Forestal de Galiza.

Teoricamente, o papel sopórtao todo, as aldeas modelo, están pensadas para pór en valor as terras circundantes dos núcleos de poboación, incluíndo as faixas de protección da biomasa forestal (núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos, edificacións, parques e polígonos industriais). As aldeas modelo terán como finalidade a recuperación da capacidade agronómica do perímetro do proxecto, a rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanísticas. Dentro de produción agronómica, priorízase a produción ecolóxica e a gandaría extensiva.

A realidade é que canto tempo vai tardar en que os concellos, por iniciativa propia, ou por denuncias da veciñanza, sobre todo as de segunda residencia, que pensan que o rural ten que ser un lugar idílico para pasar un fin de semana, en prohibir estes aproveitamentos nas faixas secundarias, por ser actividades "molestas"?

Para poder levar adiante as aldeas modelo teñen que contar co acordo do 70% dos titulares das terras, e dentro destas terras o 70% das mesmas teñen que formar parte das faixas secundarias de xestión de biomasa. A realidade, xa que logo, é que coas aldeas modelo non se está tentando acadar un medio rural vivo. Estase tentando cumprir a lei de prevención de incendios, que estando ben, non é suficiente para acadar ese medio rural multifuncional e sustentábel.

Teoricamente, as aldeas modelo teñen como finalidade a promoción do emprego. A realidade é que os concellos que queiran levar adiante as aldeas modelo teñen que estar adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas franxas de seguridade. É dicir, teñen que estar subscritos ao convenio de Seaga, á Federación galega de municipios e provincias e á Consellaría do medio rural.

Este convenio indica que a posta en valor da terra das franxas de xestión da biomasa na franxas secundarias ten que facelas obrigatoriamente a empresa Seaga (a que se permite subcontratar os traballos). É dicir, esta posta en valor non a poden levar adiante as comunidades de montes, as súas mancomunidades, as cooperativas ou as empresas locais. As aldeas modelo non apostan pola xestión comunitaria dos recursos, xestión que xera emprego, valor engadido na zona e sustentabilidade (comunidades de montes e mancomunidades), nin pola economía local e social, que será emprego e valor engadido na zona (cooperativas, empresas locais). O sistema público de xestión da biomasa aposta polo que poderiamos chamar empresas feudais.

Empresas que, como o señor feudal, viven nas urbes (castelo), e que van ao rural na época dos traballos e subvencións (colleita), para logo voltar ás urbes (castelo), cos beneficios empresariais (rendas). Claro que tamén se lles podería denominar empresas coloniais: extraen riqueza do rural e non xeran valor engadido na zona.

O "modelo" das Aldeas Modelo nada fala de que para acadar un medio rural vivo é preciso que este teña infraestruturas e servizos, que faga que a súa poboación teña un nivel de vida acaído. A política do Partido Popular vai no camiño contrario. O último exemplo é o peche do paridoiro no hospital comarcal de Verín.

O "modelo" das Aldeas modelo é unha mera ficción. Paréceme que na vila catalá de Sitges, anualmente, celebran un festival de cine de terror e fantasía. Non sei se terán opción ao premio do terror, que puidera ser. Mais si sei que teñen todos os boletos para acadar o premio da fantasía.

Comentarios