Opinión

Unha publicación sobre o Foro de Pontevedra (1169)

Acaba de saír á luz, por mor do 850 aniversario do documento, o libro “Estudos sobre o Foro de Pontevedra (1169)”. Sen dúbida, constitúe un excelente repertorio de achegas  que debullan varios grans da “carta”  fundacional desta vila concedida polo rei e raíña de Galiza Fernando II e Urraca en decembro do ano indicado no título. Cuns artigos ad hoc, dende  perspectivas diferentes, esta publicación xunta medievalistas e referentes da investigación historiográfica, lingüística e cultural, que contan coa recoñecida consagración e obra científica. Alberte Lago, Ana Acuña, Anselmo López Carreira, Cilia Torna, Francisco Calo, Francisco Rodríguez, Marina Aurora Garzón, Mercedes López-Mayán, Miguel García, Ricardo Pichel ou Silvia Cernadas colaboran nesta monografía plural deitando coñecemento sobre múltiples planos e aspectos en relación co Foro e procurando en boa medida actualizar os asuntos tratados. Ademais  recóllese unha tradución ao galego do texto histórico. Como se sabe, o orixinal do documento está perdido e o que sabemos del débese ao privilexio rodado, conservado no Museo de Pontevedra, de Afonso “o Sabio” que case un século despois –en 1264- o confirma.

Por mencionarmos algunhas das achegas, podemos aprezar unha relectura ou revisión  novidosa do documento, de moita importancia se temos en conta que ata o de agora bebiamos do traballo feito por Villamil publicado en 1942 que se foi reproducindo mecanicamente en traballos posteriores (por exemplo, Rodríguez Figueiredo no 70 e así sucesivamente ata hoxe).  Sumemos a isto puntos como a andaina e peripecias do privilexio, aspectos de conservación, comentarios paleográficos e de estética (elementos de decoración), trazos lingüísticos, cuestións de estrutura e contido ou  transcrición crítica.

Outros estudos  sitúannos no que significa o foro como peza xurídica e política, no seu encadre coa emerxencia do fenómeno urbano medieval,  ou  clarifícannos –tan necesariamente, tan utilmente- as coordenadas “normalizadas”  nas que se produce, o chamado esplendor medieval do noso Reino de Galiza, ou contribúen á descrición das figuras do rei Fernando e a raíña Urraca.

Tamén se poden ler artigos que penetran na Pontevedra da época, establecendo conexións e comparativismos con outras zonas de Europa, síntoma da potencia que tiña nesa altura o noso Reino. Igual de novidosas resultan as restantes colaboracións, a pouco que nos paremos nos eidos traballados, como a cartografía, a sixilografía, a arte, a filosofía, a escritura, a lingua, etc. Pon remate a estes estudos un orixinal “glosario” de termos do foro, a xeito de roteiro textual moi práctico sobre o mesmo.

Tal é tamén o valor das ilustracións, todas en cor. Serven para acompañamento visual moi significativo das colaboracións escritas, mais tamén asumen “per se” unha representación dun relato paralelo na súa carga iconográfica, por canto amosan de autonomía discursiva sobre o máis sobranceiro do Foro e o seu contexto. As pezas reproducidas proceden dos fondos de museos, como o de Pontevedra; de arquivos, como o do Reino de Galiza, de Simancas, ou os catedralicios de Santiago e Zamora. Figura tamén unha orixinal, e inédita ata o momento, dos reis Fernando e Urraca, realizada polo pintor Manuel Figueiras.

Certamente estamos diante dunha publicación de moita importancia  para a nosa historiografía en xeral, sobre todo no ámbito dos estudios medievais en clave galega. Neste sentido, a publicación evita –por fortuna  e por convicción- as perniciosas miradas do localismo e fai fincapé na investigación propiamente dita nun marco máis amplo, creando coñecemento, poñéndonos ao día, divulgando, nutrindo a autoestima colectiva. Convidando a ler, en definitiva. E, simultaneamente, sinalando certos itinerarios que percorrer para máis estudos.

Cómpre eloxiar o Concello de Pontevedra, que é quen edita, pola súa sensibilidade e compromiso, ben contrastados,  coa nosa historia e cultura,  sen dúbida tarefa primordial que debe marcar sen complexos a acción política dende o ámbito institucional. Reivindicarmos a nosa historia, aprendérmola, é un inexcusábel  guieiro dos rumos que emprendamos como pobo galego que somos.

 

Xosé Abilleira é coordinador e coautor do volume.

Comentarios