Opinión

Sombrío e cruel século XIX

“Ningún século foi máis sombrío nin máis cruel para os traballadores que o século XIX”. A frase, evidentemente, non é do líder da patronal española Juan Rosell, para quen o século XIX é sinónimo de traballo fixo e seguro. A frase figura no primeiro capítulo da Histoire du mouvement ouvrier (“Historia do movemento obreiro”), de Edouard Dolleans, que arranca a súa obra coa situación no 1830, concretamente coa descrición dalgunhas folgas en Francia para reclamar unha xornada laboral de… ¡doce horas! Folgas naturalmente fóra da lei, como fóra da lei estaban as organizacións obreiras, que tiñan que disfrazarse de sociedades benéficas de socorros mutuos porque a defensa colectiva dos intereses dos traballadores era considerada un atentado contra a liberdade de contratación laboral. 

Xornadas laborais de catorce ou quince horas, salarios de miseria que apenas daban para a subsistencia co traballo de toda a familia (nenos incluídos, por suposto), represións brutais como colofón de loitas desiguais que sempre perdían os mesmos, divisións das propias forzas obreiras entre reformistas e revolucionarios (uns e outros machucados indiscriminadamente polas armas do poder)… O século XIX, para os obreiros de toda Europa (con diferentes ritmos en cada país), foi un duro proceso de adaptación a un novo sistema de traballo que se abría paso implacabelmente, sen compaixón para cos que lles pillara debaixo e sen ningún mecanismo paliativo que non fose a pura caridade. Aínda así, nese duro e cruel proceso, o movemento obreiro conseguiu abrirse paso e comezar a facer valer parte dos seus dereitos, que se acadarían con máis solidez ao longo do século vinte, no que ademais unha parte dese movemento probou alternativas ao sistema capitalista, desgraciadamente sen os resultados que se soñaban e con finais decepcionantes.

Os que están tratando de volver ao século XIX son os nostálxicos do capitalismo chamado salvaxe, sen regulacións e sen límites

Os que están tratando de volver ao século XIX son os nostálxicos do capitalismo chamado salvaxe, sen regulacións e sen límites. Eses son os que se afanan no desmantelamento dos dereitos laborais e dos dereitos asistenciais que, inxenuamente, pensabamos que xa eran irreversíbeis, coa volta ao traballo incerto, aos horarios incontrolados, a salarios por debaixo da subsistencia, á asistencia de caridade. Toman como referencia a situación dos países emerxentes que empezan agora a súa revolución industrial, que vén sendo semellante á situación decimonónica europea, e iso tradúcese substancialmente na precarización das clases traballadoras: na outra parte, as marxes de beneficio procuran mantelas igual, sexa o século que sexa. Como di Marco Revelli, a loita de clases existe e gañárona os ricos.

Aos que presumen de modernos, polo seu afán desregulatorio e a súa ansia privatizadora, e tachan de arcaico calquera mínima defensa de dereitos sociais e de servizos públicos, conviña recordarlles que non hai nada máis antigo (desde o neolítico, máis ou menos, cando empeza a parcelarse o común) que a explotación do home polo home, nas súas máis variadas fórmulas históricas.

Comentarios