Opinión

Os propietarios da Constitución

Eles non necesitan reformar a Constitución. Eles son os donos da Constitución. Apropiáronse dela, despois duns primeiros momentos de receo, cando se decataron de que era máis eficaz interpretala –previo control do Tribunal Constitucional– e manipulala que entreterse en buscar novos consensos.

Eles non necesitan reformar a Constitución. Eles son os donos da Constitución. Apropiáronse dela, despois duns primeiros momentos de receo, cando se decataron de que era máis eficaz interpretala –previo control do Tribunal Constitucional– e manipulala que entreterse en buscar novos consensos. Prefiren mantela conxelada na súa primeira e laboriosa redacción, aquela que se realizou baixo a vixilancia das inercias do antigo réxime (os “poderes fácticos”, que se dicía entón), salvo, claro, cando hai suxestións superiores para garantir o pago da débeda pública, con prioridade absoluta sobre calquera outro gasto (aínda que sexan gastos tan importantes como os da sanidade, educación, dependencia ou pensións).

Considéranse propietarios do texto constitucional e polo tanto da súa coherencia democrática, pero non vacilan en dar a entender que ese texto constitucional permite que algúns se salten a vontade democrática dos cidadáns porque aplican as normas baseadas no artigo 140 da Constitución, que establece que os alcaldes son elixidos polos concelleiros, da mesma maneira que o artigo 99 prevé a elección do presidente do Goberno central polos deputados do Congreso, e o artigo 152 (e os respectivos estatutos) a dos presidentes de gobernos autonómicos polos membros dos seus parlamentos ou asembleas. En realidade, impórtalles pouco o que diga literalmente a Constitución. Consideran que os cidadáns son analfabetos na materia e non van notar que se lles engana insinuando que decisións plenamente constitucionais son contrarias ao espírito da Constitución.

Un espírito que eles traizoan a cada paso, tanto na falta de protección de dereitos sociais (aos que, pouco a pouco, van deixando na esfera dos negocios privados) como no respecto ás competencias das diferentes administracións territoriais. Enarboran continuamente a primeira parte do artigo 2 da Constitución na defensa da “indisolúbel unidade da nación española”, pero soen esquecer o contido da segunda parte dese artigo, na que se recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións. Ao longo da presente lexislatura fomos asistindo a un proceso de acoso e derruba do sistema autonómico, aproveitando por unha parte os moitos casos de corrupción (aínda que a maior parte deles correspondían a comunidades nas que gobernaba a dereita) e por outra, que a tallada maior dos recortes do gasto público se practicou nas dúas grandes competencias transferidas ás comunidades autónomas (sanidade e educación).

Presentáronas así como institucións desbaldidoras e responsábeis dos máis salvaxes recortes das prestacións sociais. 

E mentres aplicaban ás administracións locais e autonómicas os límites estritos de déficit público marcados inicialmente, as migallas de flexibilidade que de vez en cando deixou caer a cúpula da austeridade europea aplicáronse exclusivamente á administración central, que apenas recortou os seus gastos (salvo as remuneracións dos seus funcionarios, que sufriron os mesmos recortes que os dos seus colegas dos outros ámbitos territoriais). Por suposto, decidiron clausurar ata máis ver a revisión do sistema de financiación autonómica que tocaba no 2014. 

Blindados nunha lei de seguridade cidadán que facilita a criminalización do dereito a manifestarse –entre outras restricións das liberdades– e protexidos polas férreas marcaxes financeiras dos recortes europeos, que meten o medo no corpo dos cidadáns que teñan pensado votar á esquerda, avanzan cara ás eleccións xerais sen esconder a arrogancia do seu sentido patrimonial do Estado, que consideran indisolubelmente unido aos seus intereses. 

Comentarios