Opinión

Dereita con freo e marcha atrás

Combateron abertamente a primeira lei que despenalizaba o aborto en España, hai trinta anos, e mesmo conseguiron retrasala un par de anos cun recurso de inconstitucionalidade (cando os recursos paralizaban a aplicación da lei), e agora apelan a recuperar un consenso que non existira, sen esperar a que o Tribunal Constitucional se pronuncie sobre o recurso que presentaron contra a actual lei de prazos. Quizais é que temen que non a rexeiten totalmente, a pesar de que colocaron a un antiabortista militante como relator sobre o asunto no alto tribunal?

Combateron abertamente a primeira lei que despenalizaba o aborto en España, hai trinta anos, e mesmo conseguiron retrasala un par de anos cun recurso de inconstitucionalidade (cando os recursos paralizaban a aplicación da lei), e agora apelan a recuperar un consenso que non existira, sen esperar a que o Tribunal Constitucional se pronuncie sobre o recurso que presentaron contra a actual lei de prazos. Quizais é que temen que non a rexeiten totalmente, a pesar de que colocaron a un antiabortista militante como relator sobre o asunto no alto tribunal?

"Van sempre con atraso, como querendo frear ou eliminar os cambios que a sociedade vai necesitando, demandando, producindo. Tardaron corenta anos en admitir un marco democrático"

Van sempre con atraso, como querendo frear ou eliminar os cambios que a sociedade vai necesitando, demandando, producindo. Tardaron corenta anos en admitir un marco democrático, despois de axustar con medos e represións os niveis de submisión cidadá. E uns anos máis en aceptar plenamente un marco constitucional que lles parecía temerario nas súas primeiras lecturas. 

Co aborto, van retroceder trinta anos, polo menos. De momento, o anteproxecto presentado polo ministro Ruiz Gallardón é máis restritivo que a lei que o PSOE conseguiu sacar adiante no 1985. Pode que o suavicen, atendendo ás críticas xurdidas no propio seo desta dereita con algunhas incrustacións centristas, pero aquela primeira lei xa era restritiva. A pesar da súa maioría absoluta, o goberno de Felipe González optou por unha despenalización de supostos, quizais pensando que así moderarían as reaccións da España de cerrado e sancristía. Non se moderaron nada e a impresión que se ten, a posteriori, é a de que, polo mesmo prezo, se podería ter aprobado unha lei de prazos desde o primeiro momento.

Con independencia do debate sobre cándo un embrión pode empezar a ser considerado unha persoa (e que marca as diferenzas de prazos en diferentes países, entre dez e catorce semanas, pero tamén algúns ate ás 18, como Suecia, ou ás 24 semanas, como Holanda), a distinción clave entre un sistema de prazos e un sistema de supostos estriba en recoñecer ou non o dereito da muller a decidir sobre a continuidade dun embarazo non desexado. Os dos supostos, empéñanse en colocar á muller baixo a tutela dos médicos, que son os que teñen a última palabra.

"Entre leis como esta e recortes xerais progresivos, temos por diante un verdadeiro percorrido penitencial. Até que unha maioría de cidadáns vote contra o sadomasoquismo".

Pode que dentro de outros trinta ou corenta anos, segundo o seu ritmo de atraso histórico, esta dereita fundamentalista acepte unha lei de prazos. E que, para entón, tamén acepten unha axeitada educación sexual desde a adolescencia, con ampla información sobre métodos anticonceptivos, para reducir ao mínimo o recurso traumático do aborto. Máis difícil será que, para entón, se poida recuperar a asistencia aos dependentes, esa asistencia que están a desmantelar implacabelmente agora mentres argumentan hipocritamente que manter o suposto de malformación conxénita é discriminar aos discapacitados.

De momento, entre leis como esta e recortes xerais progresivos (de servizos sociais, de salarios e de dereitos), temos por diante un verdadeiro percorrido penitencial. Até que unha maioría de cidadáns vote contra o sadomasoquismo.

Comentarios