Opinión

Por qué o chaman seguridade cando queren dicir represión?

Quizais están a tentear a capacidade de aguante dunha sociedade cada día máis abafada e que, pese á presión continuada da austeridade implacábel, está a dar mostras de moderación mesmo nas mobilizacións desesperadas. 

Quizais están a tentear a capacidade de aguante dunha sociedade cada día máis abafada e que, pese á presión continuada da austeridade implacábel, está a dar mostras de moderación mesmo nas mobilizacións desesperadas. Pensan quizais que pode estar a punto de desbordarse esa última gota que colma o vaso da paciencia e optan pola vía drástica, para escarmentar aos que se desborden ou, máis sutil, para amedrentar aos indignados moderados e que as protestas queden exclusivamente nas mans dos máis radicais e agresivos, e así poder demostrar a posteriori que as súas previsións represivas eran proporcionadas.

"Parece orientada máis a protexer a seguridade do goberno e dos políticos, até das institucións como conceptos abstractos, que a seguridade dos cidadáns".

Chámanlle lei de protección da seguridade cidadá, entendendo a seguridade –que é un concepto xenérico moi aberto, que abarca diversos factores de estabilidade e integración social– exclusivamente na súa vertente de orde pública. E tal e como está desenvolvida, no proxecto de lei enviado ao Congreso dos Deputados, parece orientada máis a protexer a seguridade do goberno e dos políticos, até das institucións como conceptos abstractos, que a seguridade dos cidadáns.

Preocupados polas ofensas ao poder que eles exercen, nin se paran a pensar nas ofensas aos teóricos depositarios da soberanía popular que os elixiron para ese exercicio do poder. Pode que nin entendan que estean a ofender aos cidadáns, sometidos e humillados con especial intensidade desde que estoupou a nai de todas as crises, a que está a ser utilizada como o pretexto máis oportuno para axustar contas coas veleidades socialdemócratas unha vez que o fantasma do comunismo deixou de percorrer Europa.

"No medio do avance da inseguridade social, da precariedade progresiva, a represión policial velará por manter seguros os piares da desigualdade". 

Ou pode que si, que entenden perfectamente que ofenden e humillan, e por iso toman precaucións, como se, en realidade, estivesen convencidos de que se merecen a indignación das masas e colocan devasas para que a cólera popular se desvíe cara a queima do mobiliario urbano e os enfrontamentos desiguais coas forzas de orde pública. E que a desorde semente o medo, a confusión e a división no conxunto da cidadanía, para que a súa maioría silenciosa teña claro que, por moitos sacrificios que se lle pidan para salvar a patria dos banqueiros, sempre será preferíbel sentirse seguros ao lado dos que mandan.

Nin traballo seguro, nin inversións seguras, nin xustiza equilibrada (tanto pagas de taxas, tanta xustiza tes) nin horizontes previsíbeis. No medio do avance da inseguridade social, da precariedade progresiva, a represión policial velará por manter seguros os piares da desigualdade. 

Comentarios