mércores 14/04/21

Emilia Pardo Bazán na Real Academia Galega? (I)

Días atrás lin unhas declaracións de Mª Pilar Jiménez Aleixandre nas que afirmaba –lamentándose, segundo o xornalista– que "Emilia Pardo Bazán creó el germen de lo que hoy es la Real Academia Galega, aunque nunca pudo entrar en la misma" (galiciapress.es, 26 de decembro 2020). Sorprendéronme esas palabras, tanto polo seu contido como por quen as pronunciou, unha numeraria da Real Academia Galega, membro da Comisión executiva e representante desa institución no relativo a Emilia Pardo Bazán.

Coido que confunden. Para explicalo vou analizar (en dúas entregas) o acontecido no acto de homenaxe a Rosalía de Castro, celebrado na Coruña o 2 de setembro de 1885, presidido por Pardo Bazán. 

Momentos previos

En 1880 Emilia dirixía Revista de Galicia, na que non se deu ningunha información sobre a aparición de Follas Novas de Rosalía. O 6 de novembro de 1884 a novelista escribiulle a Antonio Machado Álvarez: "Como a mí no me ha gustado nunca con extremo la literatura popular y menos la regional, sé poquísimo de ella [...] me gustan muchísimo más los poetas ya perfectos que esas incorrectas y frescas flores populares". Falaba, como vemos, de pouco coñecemento e, sobre todo de escaso aprecio a "lo regional", aos poetas "imperfectos". En 1887 dirá no Ateneo de Madrid que as literaturas "regionales" eran "de suyo reaccionarias, restauradoras de una tradición más o menos olvidada y perdida". Pois deses "atavismos" –pouco coñecidos e pouco apreciados por ela– quixo falar no evento no que teoricamente se rendía homenaxe a unha persoa identificada cos mesmos.

Os acontecementos

O 11 de xuño dese 1885 chegara Emilia Pardo Bazán á Coruña, viña de Madrid, procedente de París. O 15 de xullo morreu Rosalía e o 21 xa aparecen as primeiras novas da homenaxe, promovida polo "Reunión Recreativa  Instructiva de Artesanos", que, nese momento, presidía o marido da novelista, José Quiroga. O 22 cúrsaselle invitación para intervir no acto a Emilio Castelar, a quen Emilia coñecera o día 9 de xuño nun banquete en Madrid, onde puido comprobar como "respiraba" politicamente nese momento o salientable orador. É dicir, todo indica que nunha semana o matrimonio afastado estivo unido para deseñar o evento. O 28 Andrés Martínez Salazar dálle novas a Murguía sobre o acto previsto. Este afirmaría anos despois, nunha aceda intervención con contidos misóxinos, que a relación entre Rosalía e Emilia non era boa. O certo é que os organizadores nunca avisaron nin convidaron á homenaxe a familia da morta. O 29 de xullo foi Pepe Quiroga a Vigo, onde estaba Castelar, para concretar a participación; coa súa presenza o éxito de público estaba asegurado. 

A primeiros de agosto, con Castelar no programa, aparece en público o nome de Emilia como participante. Por esas datas envía ao seu libreiro unhas peticións. "Si tiene V. los Cantares y Follas Novas, de Rosalía Castro, mándemelos prestados. Yo los tengo, pero me los han pedido hace tiempo [...] necesito tomar unas notas para la velada que se prepara". Polas datas concluímos que a preparación da intervención na homenaxe tivo lugar en agosto. O día 2 dese mes recibiu a novelista un texto de Marcelino Menéndez Pelayo criticándoa polo seu ensaio sobre o naturalismo. Iso inquietouna, a súa a opinión e influencia importábanlle moito. 

O tempo víñaselle encima, estaba de vacacións en Meirás, con compromisos sociais, tiña a "literatura regional" bastante abandonada, na mesa a carta de Menéndez Pelayo etc. Non descarto que contase con axudas para documentar o seu discurso, sería lóxico e había candidatos. Por outra banda, cómpre subliñar algo que quizais non se tivo dabondo en conta, a presenza de Castelar na homenaxe non só contribuíu a atraer público e ampliar o respaldo social ao acto, senón que era clave a efectos da natureza do mesmo, da intencionalidade dos organizadores, José e Emilia. Un Castelar que no evento do 2 de setembro se referiu ao pobo galego como defensor "con tesón de la integridad de la patria, en todos los tiempos, sea quien sea el que pretendiera desgarrarla".

Emilia Pardo Bazán na Real Academia Galega? (I)
comentarios