Opinión

Veñan máis cincocentos

O semanario Sermos Galiza chega, con este que agora tes nas mans, ao número cincocentos uns días antes de se completar os dez anos desde a saída do número un aquel oito de xuño de 2012. Son quiñentos números que devolveron o galego aos quiosques e a ilusión, a esperanza  e os soños a moitas galegas e galegos que viran como, dous anos antes, a Xunta publicaba o decreto 79/2010, chamado de plurilingüismo, que, na práctica, expulsaba o galego do sistema educativo. Son quiñentos números, mais aquí prefiro medir por centos, pois centos é a unidade de medida coa que se mercaban nas feiras os repolos ou o cebolo antes de que todas estas plantas chegasen individualizadas nesas bandexas de xerminación de plástico negro. Cincocentos Sermos Galiza é o que celebramos neste número. Plantados semana a semana, como se fosen repolos mercados nunha das moitas feiras que houbo no pasado ou nalgunha das que aínda hoxe se celebra. Plantados e coidados coas agarimosas mans de centenares de persoas que aportaron diñeiro, coñecemento, tempo, paciencia, e –cando foi necesario- crítica. Que aportaron, como escribiu Manuel María, ferrados de corazón e fanegas de alma, unidades estas ben capaces de medir o  proxecto Sermos Galiza.

Neste período adaptamos o deseño gráfico, houbo altas e baixas no cadro de persoal, no Consello de Administración... Só unha cousa non mudou: o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como miradoiro desde o cal ollar o propio país e tamén o mundo. Ese compromiso, en galego e con Galiza, que animou a creación de Sermos Galiza como un proxecto de comunicación posíbel grazas, primeiro, ás achegas de entidades e persoas que conformaron o capital social e despois ás asinantes, traballadoras, colaboradoras ou anunciantes, isto é, a todas aquelas persoas e entidades que dunha ou doutra maneira tornan fértil a terra en que plantamos estes primeiros cincocentos números.

Desde o número 378 Sermos Galiza acompaña, cada sábado, Nós Diario. O Sermos de 2022 é diferente daquel de 2012. Tan diferente como pode ser unha persoa desde que nace até que fai os dez anos, sen deixar por iso de ser a mesma persoa. Fixemos mudanzas, mais estas non se centraron só no aspecto e os 377 primeiros números permitíronnos armar todas as trabes para podermos soster Nós Diario, o produto que máis visibiliza hoxe a empresa e que é suporte económico imprescindíbel dela.

A edición ordinaria de Sermos Galiza, con reportaxes, entrevistas, libros, cinema ..., adopta por veces forma de monográfico para ofrecer unha visión plural, profunda e diferente sobre determinados temas porque o pasado é necesario para entender o presente, para encarar o futuro. Infelizmente, Nós Diario – acompañado os sábados de Sermos Galiza - segue a ser a única posibilidade para quen acode aos quiosques co ánimo de ler prensa galega diaria. Eventos como este número ou a próxima celebración do décimo aniversario deben servir para ampliarmos esta base lectora, para nos facer máis visíbeis e termos máis relevancia social, máis posibilidades de nos consolidar e sobre todo de mostrar o camiño andado e o futuro por descubrir.

Cando en 2017 celebramos o quinto aniversario levamos por lema “Veñan máis cinco”, coincidente coas tres primeiras palabras dunha ben coñecida canción do Zeca Afonso. E viñeron máis cinco que pasaron “do branco ao tinto” como di a canción.

Mais ben pensado, o que mellor lle acae a este número CINCOCENTOS, ou mesmo se quixeren a todo o período que vai de 2012 a 2022, é outro texto do José Afonso, aquel titulado “A formiga no carreiro” e que nun verso di: “A formiga no carreiro vinha em sentido diferente”. Aí, en sentido diferente, está o xornalismo que fai Nós Diario e Sermos Galiza, presentando a información en sentido diferente á que maioritariamente se ofrece da Galiza, unha información que mostra un país, unha sociedade, unha cultura vista sempre desde fóra. Ir en sentido diferente é arbitrar mecanismos para ser nós quen defina e quen exporte a nosa imaxe de nación.

Iso é o que somos, un medio que nestes dez anos camiñou, como a formiga, tendo como único norte os intereses galegos e como única perspectiva non defraudar ningunha das persoas ou entidades que ten como horizonte dispormos dun medio de comunicación capaz de conciliar o rigor, a veracidade e a pluralidade, refugando falsas neutralidades e sen permanecermos nunca alleos á nosa realidade social co obxectivo de sermos o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación. Niso consiste o noso camiñar en sentido diferente. Veñan máis CINCOCENTOS.

*Aínda podes mercar o número 500 de Sermos Galiza para a súa lectura na rede a través da nosa loxa en liña, premendo nesta ligazón.

Comentarios