Opinión

Toponimia celestial

Hai poucos días,viaxando pola estrada PO-260 en dirección a Vila de Cruces, observei, á miña esquerda, un indicador apuntando para un denominado santuario de Hoy-Vas. 

Hai poucos días,viaxando pola estrada PO-260 en dirección a Vila de Cruces, observei, á miña esquerda, un indicador apuntando para un denominado santuario de Hoy-Vas.  Diferentes sinais reguladores do tránsito impedían poder determe e facer fotografía mais un, que xa ten certa experiencia sobre a deturpación que de todo o noso teñen feito, e seguen a facer, os poderes públicos e privados, políticos e militares, económicos e relixiosos, ficou, con todo, algo sorprendido perante tal advocación relixiosa e fixo o propósito de, en canto chegar á casa, consultar a orixe de tan estraña denominación, recorrendo aos infalíbeis buscadores da internet.

"Hai poucos días,viaxando pola estrada PO-260 en dirección a Vila de Cruces, observei, á miña esquerda, un indicador apuntando para un denominado santuario de Hoy-Vas". 

E alí estaba. O primeiro que atopei foi que en 2011 AGADER financiou con case 50.000 euros a restauración da capela a través da Asociación Santuario Nosa Señora de Hoy-Vas; logo unha nova de Faro de Vigo do 7 de maio de 2013. Nela, o párroco, nunha entrevista realizada para falar da restauración realizada na capela, un edificio de fins do século XVII, dános a chave da interpretación de tal denominación: “La explicación que dá la gente, y que viene de viejo, es que cuando Nuestro Señor iba a ascender al cielo, Nuestra Señora le dijo 'Hoy vas al cielo', y de ahí le quedó el nombre”.

É posíbel que esta afirmación poida contradicir algúns principios teolóxicos, pois parece que a ascensión foi inducida pola nai... mais, fóra desa apreciación, efectivamente, vén de vello a manipulación da nosa identidade,  de tan vello como as políticas colonizadores de Castela sobre esta e outras terras utilizando lingua e relixión como ferretes da conciencia. Se os santos chegaron a América falando castelán, por que non ían falar igual en Vila de Cruces? Ou en Lalín? A fe acepta todo e retrotraer a fala castelá uns mil anos atrás ao poñer a virxe María a falar español co seu fillo é un xesto, pensarían os impulsores da idea,  que non fai mal a ninguén e sitúa as cousas no seu sitio á hora de o cura predicar. Total, se Menéndez Pidal falsea a cronoloxía do poema do Cid, que mal hai en que a virxe María fale na lingua do imperio en Piloño? En todo o caso, quédame a dúbida de por que non se respectou íntegra a frase da Virxe e se reduciu a Hoy-Vas.

"Non se pode basear no engano e o nome do santuario é, non por revelación divina senón por ubicación terreal, nun territorio e nun país ben definido, santuario de Oibás"

Sei da influencia da relixión na toponimia e como moitos espazos, rurais ou urbanos, son usados exclusivamente na súa referencia relixiosa (Santa Cruz, San Fix, Rúa de San Pedro ...) Particularmente, non coñezo este santuario ao que sen dúbida van millares de persoas convencidas de que solucionarán parte dos seus problemas por intercesión da virxe. Mais esa devoción non se pode basear no engano e o nome do santuario é, non por revelación divina senón por ubicación terreal, nun territorio e nun país ben definido, santuario de Oibás, ou, como figura na nomenclatura civil, capela de Oibás. Tamén aparece grafada como Hoivás e presentada como capela do Hoivás

A configuración do territorio, diferente e única para cada espazo do planeta, permite que a toponimia, e máis aínda a microtoponimia, identifique a xente co territorio e os nomes de lugar son o billete de identidade de cada espazo en que desenvolvemos a nosa vida. É deber noso non permitir deturpacións, nin invasións de especies foráneas. 

A partir de aí poderemos imaxinar todas as historias, humanas e divinas, sobre o significado dos nosos nomes pois tamén en galego se pode facer etimoloxía popular, que postos a inventar historias poucos hai que nos superen.

Comentarios