Opinión

Lexislar en fato de baño

Non pode ser, non o podemos permitir. O Partido Popular burla constantemente a lei e as resolucións xudiciais. E faino cando sabe que as súas actuacións poden  pasar máis desapercibidas por parte da cidadanía. Hoxe, 14 de agosto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Non pode ser, non o podemos permitir. O Partido Popular burla constantemente a lei e as resolucións xudiciais. E faino cando sabe que as súas actuacións poden  pasar máis desapercibidas por parte da cidadanía.

"Non importan as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; non importan as protestas de pais e nais que escolarizan os seus fillos e fillas en centros públicos"

Hoxe, 14 de agosto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, á fronte da cal está o conselleiro Vázquez, aproba os concertos educativos que se han realizar no curso escolar 2013-2014 cos centros docentes privados. E nesa convocatoria inclúe os centros que segregan alumnado por razóns de sexo, ou, en palabras da Consellaría, os centros que que optan pola educación diferenciada.

Non importan as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; non importan as protestas de pais e nais que escolarizan os seus fillos e fillas en centros públicos e ven como se corta en orzamento para o ensino público; non importa que a comunidade universitaria alce a voz denunciando a eliminación de programas de investigación  e bolsas de axuda ao estudo; non importa reducir as partidas destinadas a comedores escolares. 

Non importa nada. Só importa traballar ao servizo da Conferencia Episcopal e da patronal do ensino privado concertado; da mercantilización da educación, da xerarquización da sociedade impedindo o acceso das clases populares á educación.

"Só importa traballar ao servizo da Conferencia Episcopal e da patronal do ensino privado concertado"

Só serve a competitividade, a exclusión social e a desigualdade.
Para que un ensino equitativo, inclusivo e integral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis, se o modelo que se promove é o modelo Bárcenas que tantos adeptos ten no Partido Popular?

Ese é o modelo do sr Vázquez, e do sr. Feijóo que o promoveu a Conselleiro e mesmo se ten adiantado ás medidas de Vázquez chamando os cidadáns a incumprir as normas legais vixentes, facendo apoloxía da anarquía. 

Este goberno si que é un exemplo de xestión democrática, un goberno que lexisla cando todo o país está en operación saída, cando a comunidade escolar non pode dar resposta. Pois debería aproveitar o conselleiro, coller o coche, e irse. Sería un grande beneficio para toda a Galiza.

Comentarios