Opinión

Exame sobre o forte acento galego

Non é novo o tema do acento á hora de intentar aclarar un feito delitivo. 

Máis ben é reincidencia

Non é novo o tema do acento á hora de intentar aclarar un feito delitivo. 

Máis ben é reincidencia. 

"Pensas que nun xornal francés, por exemplo, narrando un suceso semellante ocorrido en París, diría que os asaltantes teñen un forte acento francés". 

Hai anos, máis de 10, nuns materiais que preparei  para o 3º curso da ESO, recollíase unha nova da redacción en Vigo de La Voz de Galicia cuxo titular, traducido,  dicía: “Asaltada a punta de coitelo unha parella de vigueses no parque de Castrelos”

A entrada desa noticia comezaba:” Unha parella que se achaba ás cinco da mañá de onte no interior dun coche no parque de Castrelos foi asaltada a punta de coitelo por dous xoves coa cara tapada e forte acento galego”  e a nova finalizaba, despois de nos contar como, hipoteticamente, sucederon os feitos: “A el sacárono do maleteiro e deixárono sobre as sete da mañá no campus da Universidade, preto do mercantil, atado a unha árbore e con sinais nun ombro, que fixo probablemente ao se golpear contra o coche. Á muller abandonárona en Valadares onde dando grandes berros espertou os veciños que á súa vez chamaron a policía. A ambos lles roubaron a carteira. Segundo declararon as vítimas, tratábase de dous homes con forte acento galego”

Cinxireime ao tema do acento, aínda que merecería comentario o tratamento que se dá da reacción do home e da muller, el tranquilo, ela histérica.

"Como explicas entón que se diga iso cando todos e todas na Galiza temos “acento galego”

Vamos pois. Dicía que esta nova se introducía nuns materiais didácticos cuxo fin era proporcionar ao alumnado de 3º de ESO ferramentas para a análise de textos xornalísticos, nunha secuencia guiada.

Permítanme, daquela, que reproduza aquí as cuestións que se lle poñían a aquel alumnado,  pensen vostedes nas respostas.

  1. Xa sabemos que o obxectivo dunha noticia é proporcionar información o máis obxectiva posíbel sobre un feito, procurando obviar as opinións que sobre o tema teña o redactor ou redactora. Cres que na noticia anterior se cumpre esta premisa? Explica a resposta
  2. O narrado nesta noticia acontece en Vigo. Cres que o comentado no derradeiro parágrafo dá algunha pista sobre os autores do atraco? Explica a resposta
  3. Pensas que nun xornal francés, por exemplo, narrando un suceso semellante ocorrido en París, diría que os asaltantes teñen un forte acento francés. Explica a resposta
  4. Como explicas entón que se diga iso cando todos e todas na Galiza temos “acento galego”
  5. Se o feito de ter acento galego non serve á hora de identificar os raptores, pois máis de dous millóns de persoas temos ese acento, cal será a intención do redactor á hora de pór ese sinal? Cres que se pretende identificar falar galego con delincuencia? Explica a resposta.

.... e tiren conclusións (tamén se poden atribuír puntuación)

Comentarios