Opinión

Empresas familiares

Tempo andando, cousas vendo era a sentenza favorita de María V. B, analfabeta, nai de catro fillos. A todos educou e criou para buscaren a vida, que é como antes se definía os que agora denominan emprendedores. 

Tempo andando, cousas vendo era a sentenza favorita de María V. B, analfabeta, nai de catro fillos. A todos educou e criou para buscaren a vida, que é como antes se definía os que agora denominan emprendedores. Anos máis tarde souben, por A. V, o meu profesor de latín,  que esta expresión era un ablativo absoluto latino, aínda que María V. B non o soubese, nin falta que lle facía.

"Sob o reinado do derradeiro borbón, de nome Felipe e número de serie seis, España pretende reforzar o seu control sobre Catalunya e, de paso, tamén sobre a Galiza, facendo cada vez máis fincapé no de una e grande, que o de libre xa non mola"

Seguidor como son da sentenza anterior, afíxenme a ver pasar o tempo e a ir vendo as cousas que pasan. Vendo, comprobando e, ás veces, contando. 

Vendo, por exemplo, como nos últimos tempos a xerarquía da igrexa católica, apostólica e romana estivo intervindo publicamente en diferentes asuntos, especialmente os de carácter educativo e os de tipo  sexual e reprodutivo, aqueles que figuran entre os dereitos individuais das persoas e deben ser por elas mesmas gobernados.  Vendo e preguntando por que agora, cando moitos responsábeis políticos ou económicos, cuxa militancia católica é pública, que sentan e comen con bispos e arcebispos, non din nada. Ou é que roubar xa non vai contra o moral da cristiandade? Claro que non estou pedindo que falen agora, que interveñan na vida pública,  mais si que calasen antes e, sobre todo, que varran a súa casa en vez de levar a porcallada á casa allea.

Tamén a un lle vén ao pensamento como, reinando o primeiro borbón, de nome Felipe e número de serie cinco, aboliu as institucións e liberdades civís de Catalunya e agora, tempo andando, cousas vendo, sob o reinado do derradeiro borbón, de nome Felipe e número de serie seis, España pretende reforzar o seu control sobre Catalunya e, de paso, tamén sobre a Galiza, facendo cada vez máis fincapé no de una e grande, que o de libre xa non mola.

Por certo, hai uns días, este rei de nome Felipe e número de orden sexto,  inaugurou o XVII Congreso Nacional de la Empresa Familiar e non parou de facer laudatios do papel da empresa familiar, presentándoas como "as unidades produtivas que ofrecen maior estabilidade no emprego e ... contan co maior número de mulleres en todos os seus ámbitos, incluídos os consellos de administración". Pero quen lle escribirá os discursos a este home!!! Durante a inauguración estaban presentes, e en disposición de saíren na foto, persoas implicadas en operacións de corrupción, mais o Felipe nin palabra, non vaia ser, que tamén algo se ten dito de quen o precedeu e mesmo algún outro familiar ...Mais deixemos, que as murmuracións están penadas pola doutrina católica.

"O que si resulta chamativo é o acerto de Feijoo para escoller compañeiros e espazos para as fotos. Acabará de director de fotografía de algunha serie americana. Corrupción en Miami?" 

Debo recoñecer que non coincido con Felipe de Borbón nin no modelo de Estado nin no concepto de empresa familiar e agardo que o Tribunal Constitucional non tome a mal a miña discrepancia. E non coincido, non por nada, simplesmente por simples comprobación da listaxe de empresarios participantes nas mesas do supradito congreso "familiar": firmas como Alcampo, Leroy Merlin, Grupo Pikolín, grupo Celsa, ron Santa Teresa, chocolates Valor, Ermenegildo Zegna, Osborne, etc., etc. Xusto o modelo de empresa familiar en que todos pensamos. Só  falta que Inditex se sume á listaxe de empresas familiares e Amancio Ortega á dos pobres do mundo!!! 

O que si resulta chamativo é o acerto de Feijoo para escoller compañeiros e espazos para as fotos. Acabará de director de fotografía de algunha serie americana. Corrupción en Miami? Non sei, mais despois de todo isto entendo mellor iso que denominan "fiesta nacional". Nada como unha boa corrida, de touros, para facer negocios, así, con música, con sangue, con cheiro a bosta. Sábeo calquera conseguidor, esa profesión tan pouco valorada e con todo, tan necesaria!! Ao mellor ten razón o borbón, e as empresas familiares, incluídas as taurinas,  son o motor da economía.  En fin, tempo andando, cousas vendo.

Comentarios