Opinión

Un diario en papel e en galego. Pode ser?

O oito de xuño de 2012 o número un de Sermos Galiza chegaba aos quiosques. No editorial dese número, titulado Con vagar, facíase  unha análise do contexto social e político en que esa saída se producía e finalizaba:

  • Saímos á rúa coa intención de fixarmos algunhas desas informacións volátiles nesta Galiza que resiste a pesar dos augurios. 
  • Saímos para procurarmos vagar en medio desa vertixe de pezas de puzzle que caen sobre nós. 
  • Saímos para deliñarmos o ollar galego da realidade, para considerarmos algúns conceptos e rumialos, mastigalos con vagar e incorporalos a nós.
  • Saímos para contarmos a nosa versión, crítica, meditada, honesta, libre dos intereses de grupo económico ningún.


Continuaba o editorial exemplificando cun texto de García Blanco que, en 1912, publicaba en Lugo un pequeno tratado en defensa da lingua galega. Este filósofo case descoñecido avisaba: "Quen a día de hoxe pretende influír, nun sentido ou noutro, na masa social, válese da prensa; funda un xornal. Non hai nestes tempos medio de propaganda máis activo e eficaz. A folla impresa chega a todas as partes porque a súa forma é accesíbel a todo o mundo e no seu contido calquera pode achar sempre algo interesante. [...]


Hai que encamiñarse logo á fundación e maior circulación posíbel dun xornal que sexa galego desde o título até o derradeiro anuncio". 

Seis anos despois deste editorial Sermos Galiza S.A. está a traballar nesta idea: podermos ler, en 2019, en papel de terza feira a sábado e na rede os sete días da semana, un xornal que sexa galego desde o título até o derradeiro anuncio, un xornal que vaia a par dos intereses galegos, un xornal que dependa só de nós. 

Sermos Galiza S.A. está a traballar nesta idea: podermos ler, en 2019, en papel de terza feira a sábado e na rede os sete días da semana, un xornal que sexa galego desde o título até o derradeiro anuncio

 

Para iso estamos a desenvolver unha intensa campaña comunicativa por toda a Galiza. Queremos sentir a palabra de todas as persoas que aspiran a que a axenda mediática do país inclúa temas que hoxe bota en falta. Queremos, como di o lema da campaña, construír un medio no que Ti contas, 

Somos conscientes da dificultade, como eramos hai seis anos cando saíu o número un do semanario,  mais tamén somos prudentes  e como pretendemos saír sen ataduras económicas nin políticas fiamos o éxito, e por tanto o seu lanzamento, en conseguir 3.000 persoas subscritoras que garantan coa súa subscrición a independencia do diario e estabilidade financeira precisa para afrontar os custos da edición en papel e na web.  


3.000 persoas que antes do 31 de xullo se subscriban e fagan posíbel un xornal plural que nos achegue esa efervescencia que nos manteña en pé tratando todos os asuntos que repercutan sobre o benestar económico, social e cultural da xente de Galiza. Ti contas

Comentarios