Opinión

Dez anos de xornalismo diferente

Intervención de Xoán Costa, presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza SA, no acto de celebración do décimo aniversario da empresa editora de 'Nós Diario'.

En todo proceso hai datas e efemérides significativas. En Sermos Galiza, tamén. Hoxe celebramos que Sermos Galiza fai 10 anos, a empresa editora e a cabeceira do mesmo nome cuxo primeiro número saíu á rúa o 8 de xuño de 2012.

Son dez anos nos que día a día, semana a semana, restituímos o galego aos quiosques, e a ilusión, a esperanza e os soños a moitas galegas e galegos que, dous anos antes, viran como a Xunta publicaba o decreto 79/2010, chamado de plurilingüismo, que, na práctica, expulsaba o galego do sistema educativo, nunha decisión só comprensíbel se parte dun goberno cómplice coa política asimilacionista tan ben seguida pola Xunta de Galiza.

Neste período houbo altas e baixas no cadro de persoal, no Consello de Administración... O normal.

Quero ter unha lembranza para as accionistas ou asinantes que xa non están connosco, mais que ao mesmo tempo non deixan de estar presentes cada día que o xornal sae á rúa, pois a súa contribución fixo posíbel, entre outras moitas cousas, que hoxe poidamos reunirnos para celebrar dez anos.

Houbo mudanzas, si, mais unha cousa non mudou: o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como miradoiro desde o cal ollar o propio país e tamén o mundo.

Ese compromiso, en galego e con Galiza, que animou a creación de Sermos Galiza como un proxecto de comunicación posíbel grazas, primeiro, ás achegas de entidades e persoas que conformaron o capital social e despois ás asinantes, traballadoras, colaboradoras ou anunciantes, isto é, a todas aquelas persoas e entidades que dunha ou doutra maneira tornan fértil a terra en que hoxe asentamos a publicación.

En Sermos Galiza temos claro o noso compromiso de futuro e, de igual maneira, sabemos de onde vimos. Permitide que olle 200 anos para atrás, para o 1812 e para o 1822, por seguir unha cronoloxía similar á que agora celebramos.

- No ano 1812, publícase na Gazeta Marcial y Política de Santiago o primeiro texto en galego inserido nunha publicación periódica.

- No ano 1822, o 26 e o 27 de abril a Universidade fai unha homenaxe pública ao Batallón Literario. Nas intervencións dos diferentes estamentos universitarios podemos ver unha clara intencionalidade de identificar toda a Galiza co Batallón Literario, sendo a Universidade, como receptora de estudantes de toda a xeografía galega, o elemento de unión común e a súa bandeira é identificada como bandeira de todos os galegos pois galegos é o que eran todos os estudantes mortos.

E aquel acto de abril de 1822 foi como unha cerimonia de xura de bandeira. Do Cebreiro a Finisterre e de Ortegal ao Miño “corren os gratos galegos a se prostrar ante a bandeira conservada a costo do precioso sangue dos seus irmáns, fillos, sobriños, parentes e amigos” nunha praza que o Concello de Santiago acorda consagrar a perpetuidade á memoria do Batallón Literario, á nosa memoria.

- Andemos cen anos. En 1912 Basilio Álvarez funda Acción Gallega, partido agrarista que el preside e para o que Cabanillas escrebeu algún dos máis formosos himnos.

- En 1922, prodúcese o asasinato a mans da Garda Civil dos nomeados como mártires de Sobredo, protagonistas da última loita antiforal e antifeudal.

- En 2012, ademais da fundación de Sermos Galiza, dos once deportistas galegos que participaron nos Xogos Olímpicos de Londres, cinco obtiveron medalla. Se competisen baixo a nosa bandeira, estariamos entre as nacións coa ratio máis alta entre participantes e medallas, case o 50%.

Son datas, e datos, tomadas a modo de exemplo, mais que axudan a entender e que ilustran onde se sitúan as nosas liñas informativas preferentes: a lingua, os símbolos identitarios, a memoria, o mar e o agro, o deterioro dos servizos públicos, ensino, sanidade, organización territorial...

Cando hai cinco anos celebramos o quinto aniversario levamos por lema “Veñan máis cinco”, lema coincidente coas tres primeiras palabras dunha ben coñecida canción do Zeca Afonso. E viñeron mais cinco e chegamos a dez, e atrevémonos cun proxecto como Nós Diario, que este si, señor presidente, este si que pon Galiza no mapa.

Mais, ben pensado, o que mellor lle acae a todo o período que vai de 2012 a 2022, é outro texto do José Afonso, aquel titulado “A formiga no carreiro” e que nun verso di: “A formiga no carreiro vinha em sentido diferente”. Aí, en sentido diferente, está o xornalismo que fai Nós Diario e Sermos Galiza, presentando a información en sentido diferente á que maioritariamente se ofrece da Galiza, unha información, a deses medios, que mostra un país, unha sociedade, unha cultura vista sempre desde fóra. Ir en sentido diferente é arbitrar mecanismos para ser nós quen defina e quen exporte a nosa imaxe de nación, sermos NÓS quen nos poñemos no mapa da dignidade fronte a quen nos quere pór no mapa da submisión e da dependencia.

Iso é o que somos, o que queremos ser, un medio que nestes dez anos camiñou, como a formiga, tendo como único norte os intereses galegos e como única perspectiva non defraudar ningunha das persoas ou entidades que ten como horizonte dispormos dun medio de comunicación capaz de conciliar o rigor, a veracidade e a pluralidade, refugando falsas neutralidades e sen permanecermos nunca alleos á nosa realidade social co obxectivo de sermos o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación. Niso consiste o noso camiñar en sentido diferente.

Amigas, amigos, asinantes, accionistas...

A edición ordinaria de Sermos Galiza, con reportaxes, entrevistas, libros, cinema ..., adopta por veces forma de monográfico para ofrecer unha visión plural, profunda e diferente sobre determinados temas, porque o pasado é necesario para entender o presente, para encarar o futuro. Infelizmente, Nós Diario – acompañado os sábados de Sermos Galiza - segue a ser a única posibilidade para quen acode aos quiosques co ánimo de ler prensa galega diaria. Escoitaron ben: DIARIA, por máis que o Sr. Feixoo negue, para o que lle convén, as indicacións da OXD. DIARIA e EN GALEGO, por máis que o Sr. Rueda, aínda ben non entrou pola porta, xa lle concedeu, ou xa estarían concedidos? 1,2 millóns a certa prensa madrileña.

Eventos como este deben servir para ampliarmos a nosa base lectora, para nos facer máis visíbeis e termos máis relevancia social, máis posibilidades de nos consolidar e sobre todo de mostrar o camiño andado e o futuro por descubrir, para, como di o texto dunha canción de Gusttavo Lima titulada 10 anos, podermos seguir escrebendo, seguir falando, sen que ninguén nos indique como ten que ser o final das historias que aínda restan por escreber.

Palabras que serven para elevar, con vostedes, un brinde:

Fala
Seria covardia ir embora sem dizer por quê
Existem tantas páginas nessa história pra escrever
Não venha inventar um fim

Fala
Depois de tanto tempo juntos, você vai deixar no ar?
Será que pensa que agindo assim o amor irá mudar?
Há tanto ainda pra viver

Tudo é nada sem você.

---

Pois iso, sen vós, todo é nada.

Obrigadísimos.

Comentarios