Opinión

Agora toca o cento e un

Sermos Galiza chegou ao número cen. Dous anos na rede e nos quiosques.

Sermos Galiza chegou  ao número cen. Dous anos na rede e nos quiosques. Dous anos a traballar nun contexto social non exento de tensións e debates, de dificultades e de limitacións. Nun país normal Sermos Galiza sería unha cabeceira diaria, e en vez de número cen estaríamos a falar do número 725, aproximadamente.

Di Saleta Goi, neste número cen, que “para unha persoa cunha mediana concienciación do país, o lóxico é apoiar este xornal”. Conciencia de país é a que Sermos pretende contribuír a crear; máis apoio social é o traballo ao que nos temos que enfrontar. Levamos dous anos a construír un proxecto nun país con pouca conciencia de si mesmo, circunstancia que efectivamente non é lóxica.

Nun país normal Sermos Galiza sería unha cabeceira diaria, e en vez de número cen estaríamos a falar do número 725

Neste contexto, non o proxecto en si, mais si o seu desenvolvemento, ten sido louvado mais tamén criticado. Louvores e chatas que me levan a pensar naquela estampa que abre o álbum Nós, onde se mostra unha figura humana aínda sen rostro, e cuxo pé di:

Non lle poñades chatas á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe n´ela; hay sitio para todos.

Obviamente, Sermos Galiza nunca será unha obra rematada. Mais non é na literalidade do pé da estampa no que temos que nos centrar. “Con clara intención prologal e esclarecedora, Daniel Castelao sitúa nun lugar destacado do álbum Nós estampas como esta, de evidente contido simbólico e transcendente no plano ético e político, dándonos a ver que non hai escusa posíbel para renunciarmos ao labor colectivo de erguer patria”.

Isto dicía, hai anos, Manuel Rei Romeu (tamén son del as citacións a seguir), nunha magnífica interpretación do simbolismo deste peza publicada nun libro que pretendía mostrar como era posíbel un cambio de rumo na orientación do ensino da Lingua Galega.

Como obra ao servizo dunha nación inacabada, Sermos Galiza seguirá tendo chatas, mais como dicía Castelao, hai sitio para todos

Labor colectivo é unha das chaves da existencia de Sermos, un dos seus valores e unha das súas garantías. Sabemos que non podemos “aspirar a percorrer un camiño doado nin esperar a que nos brinden atallos; o camiño é duro e non queda máis remedio que sermos corredores de fondo fronte ás máis diversas adversidades”. Adversidades que, na maior parte das veces, “non acabaron sendo máis que escusas para as que o antídoto eficaz e clarificador podería ser o pé da estampa de Castelao”.

Unha das chamadas de atención máis utilizadas durante estes dous anos por parte de Sermos Galiza di: Consolidar un medio en galego depende de ti. Por iso, “cun compromiso máis ou menos militante e desde diversas esferas da nosa realidade”, calquera persoa identificada con Galiza e coa necesidade da súa lexítima dignificación, pode atopar un lugar no que traballar por este proxecto, un deses proxectos cuxa necesidade era evidente, incuestionábel e que devolveu o galego aos quiosques semana a semana, durante cen.

Como obra ao servizo dunha nación inacabada, Sermos Galiza seguirá tendo chatas, mais como dicía Castelao, hai sitio para todos.

Só é preciso querer estar, querer formar parte dunha comunidade, querer ver o futuro con ollos propios e non con ollos alleos, por máis que nos regalen os óculos para o vermos en tres dimensións.

Comentarios