Opinión

*O Ágora *no Agra? Que di *o acta?

O día 4 de abril, escribía no Faro de Vigo X.L Méndez Ferrín “O pasado 1 de abril ouvinlle unhas declaración públicas á Secretaria de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades. Falaba esta señora das deficiencias educativas que se aprezan "en nuestros aulas". Así mesmo dixo.”

O día 4 de abril, escribía no Faro de Vigo X.L Méndez Ferrín “O pasado 1 de abril ouvinlle unhas declaración públicas á Secretaria de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades. Falaba esta señora das deficiencias educativas que se aprezan "en nuestros aulas". Así mesmo dixo.”

E continúa o señor Ferrín, Presidente que foi da RAG, a lembrarnos as aulas de gramática castelá que el impartiu e a recordarnos que no singular se di “el aula” mais no plural “las aulas”

Ora ben, a cousa tampouco debe estar moi clara, e se tecleamos hoxe nun buscador "Nuestros aulas" veremos que a forma, existir existe, mesmo nas propias memorias de Godoy, publicadas en 1839, e en blogues ou na prensa dixital non é infrecuente, embora sexa escasa. Google detecta uns 1000 casos de “nuestros aulas”, fronte a uns 400.000 de  “nuestras aulas”

"Funcións similares á ágora da Grecia antiga ten o moderno predio ubicado na AGRA DO ORZÁN e que prensa, particulares e autoridades, falando galego, están empeñados, empeñadas,  en denominar “O Ágora”

Mais non é disto do que cómpre falar e non é este o lugar para darmos aulas de gramática. Ora, hai dous usos, que digo! dous casos, que non podo deixar de mencionar, os dous vixentes e actuantes na Coruña.

Un é un topónimo: A Agra do Orzán, onde hai unhas instalacións deportivas e un IES. Unha boa parte dos galegofalantes desta parte do mundo ubicada ao pé da torre dedicada a Hércules están empeñados en dicir que “o seu fillo, ou a súa filla “van ao Agra = van ao IES da Agra” ou que van á piscina “do Agra= van á piscina da Agra”. Mesmo un IES que agora se denomina Rafael Dieste é por veces alcumado de “O Agra II”.

O outro caso é a denominación dos espazos municipais denominados “ Ágora - Centro Sociocultural para O Progreso Social” É ben coñecido que a ágora era a praza pública das cidades da Grecia antiga, equivalente, 3000 anos polo medio, ao que hoxe chamaríamos un espazo de “servizos multiples” pois tanto servía de mercado como para celebrar un festival relixioso, uns xogos ou unha representación popular. Funcións similares ás que cobre este moderno predio ubicado na AGRA DO ORZÁN e que prensa, particulares e autoridades, falando galego, están empeñados en denominar “O Ágora”. Desaramar enche o Ágora nunha reivindicación do 8 de marzo; O alcalde presenta o Ágora como o centro multiusos, etc. Mesmo Sermos Galiza, que habitualmente coida a lingua, cae na inercia e se ve atrapado por esta incorrección: Catro miradas de excepción nas xornadas de fotografía do Ágora ...  ou Enma Pedreira e a quebequesa Carole David suman versos no Ágora 

"Preocúpame máis que os falantes de galego, nen sempre os neofalantes, incurran en incorreccións por presión das estruturas lingüísticas españolas"

Non quero cansar con exemplos a quen até aquí chegar. Mais algo raro debe estar a pasar nesta terra en que finalizaron, e ficaron, todas as migracións vindas de oriente cara a occidente, facendo que a Galiza non fose a fin da terra mais o principio do mar, deixando cada quen a súa aportación,  cando un expresidente da RAG sae a comentar a práctica lingüística dunha Secretaria de Estado (que por outra parte non parece que faga outra cousa que utilizar unha locución moi minoritaria, mais non agramatical) e non repara nas anomalías de uso no noso propio idioma; ou cando outro presidente, neste caso firmemente asentado na súa cadeira, procura xustificar un castelanismo "pulpo" recoñecido por todos e comesto por máis. 

Mais a min non me preocupa que os falantes de castelán digan dunha ou de outra maneira, "los aulas" ou "las aulas". Interésame máis que os falantes de galego, nen sempre os neofalantes, reproduzan estruturas lingüísticas como as mencionadas, e non por o sistema lingüístico galego permitir a forma dobre, mais por presión da forma española que, como noutros moitos casos, acaba por engolir a forma galega.

Deixemos aquí a reflexión. Mais pensemos que de seguirmos este camiño, logo diremos que os alumnos e as alumnas “do Agra", que está na Agra do Orzán, ao lado "do Ágora" que é a Ágora abandonaron "o aula”. E claro, seguiremos a dicer, como facía o representante de EU-IU no concello da Coruña no pleno do pasado día 7, que queremos que estas deliberacións se incorporen "ao acta". Mais para cando iso suceda xa non será preciso levantar acta. E, se callar, mesmo algún presidente da RAG, escribirá na prensa do día ... sobre os usos da palabra que, na Antártida, se utiliza para designar a ave palmípede, de penas curtas, en forma de escamas, que lle vesten as asas e cauda curta ... e que chamamos pingüin

PD. Non hai linguas orixinarias da Antártida, porque ninguén viviu alí, a non ser que consideremos os pingüins e, virtualmente, os derradeiros presidentes da RAG

Comentarios