Opinión

Zona a Defender

O mundo enteiro é unha Zona a Defender, afírmase neste libro de crónica xornalística de Manuel Rivas. Outro principio do mundo é posíbel. Porque hai “moita xente, moita máis da que nos fan crer, que non está disposta a aceptar o inaceptábel coma se fose unha catástrofe natural e non unha consecuencia dun sistema que se demostrou non só inxusto senón tamén insuficiente”.

De aí a importancia do Manifesto Mayday —que fai referencia á alerta máxima—, porque a vida está en xogo. Xa advertira George Orwell que o novo fascismo se enmascararía coa bandeira da liberdade. Para manter privilexios, saquear recursos comúns, abolir dereitos ou afondar na división en clases dende a propia infancia.

Contra a produción e reprodución sistemática de mentiras, face ás cotiás fake news, débese erixir o papel do xornalismo. Co fin de desmontar as maldades que encobren. Co gallo de restablecer de forma veraz unha realidade silenciada, oculta, manipulada. 

Avógase por unha internacional das conciencias indóciles, por liberar a linguaxe do conformismo. Cómpre que haxa unha sociedade da “decencia común”, na que se provoque unha corruptura, isto é, unha ruptura coa corrupción.

De aí que sexa unha tarefa urxente, que lle concerne á política e, en especial ao xornalismo e ao pensamento, defender o acento da verdade e unha linguaxe que desmonte o odio. O labor xornalístico, concibido como un activismo democrático, que, liberado das ataduras do poder, terá que ser antídoto da propaganda e do servilismo

A voracidade do capitalismo levou a multiplicar a produción de eufemismos cínicos. Chegándose a empregar numerosos termos de carácter económico e aparencia técnica. Como “reformas estruturais”, no canto de “abaratamento”, ou “deslocalización”, en vez de “peche de fábricas”.

Esta lóxica consciente exercida dende o poder, co fin de ocultar e de manipular a realidade, é extensíbel asemade ao perigo máis acuciante que ameaza o planeta. Definido, non coa expresión propia, “quecemento global”, senón coa máis aséptica e presentábel de “cambio climático”.

En fronte dese territorio da depredación encóntranse os almeiros. Lugares comúns nos que se recolle o máis necesario. Espazos limpos de medo, territorios da igualdade.

Coma as bibliotecas públicas, as librarías ou os ateneos autoxestionados. Coma a biblioteca das Misións Pedagóxicas, que chegou deica os puntos máis distantes e afastados, dende a barca do Pindo, na Costa da Morte, á derradeira, no interior de Ramirás.

Nunha necesaria aposta pola relocalización semella acaída a definición, para se referir ao cosmopolita, expresada por Miguel Torga: “O universal é o local sen paredes”.

E esclarecedor é o apuntado sobre esta era do mercado, definida como “capitalismo da vixilancia”. Na cal actuamos como usuarios e clientes. E somos subministradores da máis valiosa materia prima, dende os nosos actos aos nosos pensamentos e desexos.

Comentarios