Opinión

Xela poeta

Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1995), Intempériome (2003) conforman o corpus poético de libros de Xela Arias (1962-2003).

Coa súa obra –exercicio de fidelidade idiomática cidadá– ensánchase o canon da literatura galega, tanto no tocante ao seu legado coma ao influxo no que se inspira.

Nela acadará concreción o home da multitude de Poe, irán da man a dor e o amor dos versos de Baudelaire ou o descenso ao inferno de Rimbaud, penetrarán as tebras da noite da dicción de Oroza.

Mais é na proposta de rock alternativo de Lou Reed onde resulta máis doado marcar relación directa cos elementos da contracultura urbana. E coa exhibición poética que ela realiza da cara salvaxe ou prohibida da realidade.

Como telón de fondo unha Galiza de urbanismo en construción –enxergada dende a realidade viguesa– nos tempos da apertura democrática. Protagonizado pola mocidade en contacto cotián co desemprego e as drogas.

De aí que a súa concepción do feito poético, pioneira e individual, non resulte compracente co sistema establecido: “Onde cantan os poetas/a nos lembra-lo que non foi/ou puido ser,/vese a dor da inmóbil, imposible, invariable/medida do silencio que resta.//Silencio que resta, ou no que nos restan.//O ritmo do silencio historiou sempre/a aparencia de acougo./Estupefaciente”.

Muller activa e independente, na súa obra translócese, con naturalidade, unha ollada propia do universo feminino. Expresada na experiencia da maternidade, na relectura da tradición, na liberdade dos afectos. Afirmada na identidade: “Onde o vento sementou eguas/o mar mulleres”.

É no ámbito expresivo onde a súa escrita se desdobra e acada multiplicidade de rexistros. Evidentes na voz poética, que lle pon acento a numerosas vivencias, de rostros en penumbra, moi pouco transitadas nas nosas letras. De onde devén asemade a orixinalidade da súa proposta.

O universo referencial mergúllase acotío no ámbito da marxinalidade urbana, co espazo olívico decote como telón de fondo. Do que forman parte numerosos temas e escenarios que axudan a interpretar as claves do vivir.

A droga –“unha opiácea caricia baixou polo teu corpo”–; o alcol –“quen somos nós escribindo/bebendo/por non suicidármonos?”–; a prostitución –“Hai noites,/na batida dos escualos,/onde morren bechos apaixonados”–; a homosexualidade ou transexualidade reprimidas –“soltar amarras dos músculos tensados baixo os dedos/de calquera tenra man que calme brasas”–; a expresión concreta e polivalente da marxinación –“Íspeme o idioma e sábemo suando en sida”–; a devoración, a liberación –“¡Os tigres nos meus brazos e os renxidos/da pólvora nos dentes” –.

O desenfado formal contribúe a implicar o lector nun proceso deconstrutivo complexo e múltiple coma a vida mesma. Nunha obra que cuestiona a conformidade, sen apriorismos nin xuízos de valor: “Nin o social nin o establecido./E non hai xuíz aquí”.

Comentarios