Opinión

Xela en prosa

Non te amola! é unha narración infantil inédita de Xela Arias, que agora –con ilustracións de Luz Beloso– ve luz. A voz narradora é unha nena de nove anos que se abeira á creación literaria coa intención de explorar a utilidade da escrita.

Mais é, precisamente, esta estratexia de ficción a que permite amosar –alén de circunstancias vitais– algunhas das claves que han estar presentes no conxunto da súa produción literaria, expresada mormente en verso.

Do seu quefacer prosístico só se coñecía ata agora o relato que iniciaba o volume Contos eróticos/Elas (1990) no que –dentro da temática proposta e coa intención de abrir camiños na literatura galega– exhibía unha marca de desenfado e autenticidade.

Se unha independencia precoz é un risco definitorio do expresado nos seus versos, aquí, coma pequenos garabatos dunha caligrafía preadolescente, albíscanse algúns trazos da estrutura profunda da súa cosmovisión.

Un deles podería ser o anticonvencionalismo, que expresa o rexeitamento das bonecas. Se ben tamén está presente a ollada sobre a soidade, cal ‘viúvas de vivos’, das mulleres; ou a condición doméstica destas, fronte á fascinación daqueloutra que practica a aventura cotiá da procura da novidade.

Aínda que serán a consciencia, a afirmación e a rebeldía os focos nos que proxecte a súa perspectiva sobre o ámbito feminino. Consistente na reivindicación dunha condición diferente para a muller a expensas da súa madurez prematura. Traducíbel no dereito a acadaren a maioría de idade –e, polo tanto, a independencia– en época moito máis temperá. Eis o sentido do título: “Que lle habemos facer nós se as nenas nos facemos mulleres máis axiña do que os nenos se fan homes? Agardar por eles? Agardar aos dezoito porque é cando a eles lles toca? Pero, non te amola!”.

Á intención de escribir de si engádeselle a explícita declaración de o facer nun libro sen comezo nin remate. Esta característica, compleméntase, tamén co expresado pola voz narradora, coa vontade de escribir, logo de se documentar ben, só de experiencias de verdade importantes.

O cal, se se repara con detalle, é xa unha declaración de intencións do que ela levaría a cabo na obra literaria: a visión poética que expresa na ruptura do verso o abismo da realidade.

Para o que resta aínda unha nota definitoria deste relato iniciático, máis elocuente do que semella a simple vista, menos superficial do que parecería amosar unha visión simplista. O cal se expresa no desexo da protagonista de ser directora de orquestra. Quen sinalaba como propio da vida adulta a potestade de andar na cidade pola noite.

Realizada unha relectura desta obra en relación cos outros títulos da autora, sería aquí onde estaría a clave que permite interpretar este escrito como a folla de notas do seu discurso poético.

No cal converxen unha serie de voces que expresan a cara oculta do existir dunha xeración urbana da que formou parte.

Comentarios