Opinión

A voz de actualidade de Manuel María

As dependencias da Casa de Hortas acollerán a totalidade do legado do poeta. Para isto prevese diferenciar dúas bibliotecas. A constituída por máis volumes será accesíbel ao público en xeral. A máis restrinxida será de acceso a investigadores e contará con documentación de grande interese sobre a nosa historia cultural dende, polo menos, o período no que o autor se deu a coñecer con Muiñeiro de brétemas.

O sábado sete de setembro é un día feliz para a cultura galega. No seu lugar de nacemento, en Outeiro de Rei, inaugúrase a Casa Museo Manuel María. O completo e interesante programa de actividades pode consultarse no enlace dixital da Fundación Manuel María de Estudos Galegos: http://www.manuelmaria.com

Nunha entrevista publicada no xornal chairego Terra Chá Xa, Alberte Ansede, secretario da referida fundación, indica a intención de que, ao tempo que se procure recrear os ambientes fundamentais da vida do escritor, se converta este espazo nun centro de actividade cultural arredor da súa obra e de promoción da literatura galega en particular.

"O obxectivo será establecer un diálogo permanente co presente e co futuro da cultura e do noso país, consonte as preocupacións do alcumado poeta nacional de Galiza".

Xa que logo, segue declarando, o obxectivo será establecer un diálogo permanente co presente e co futuro da cultura e do noso país, consonte as preocupacións do alcumado poeta nacional de Galiza.

As dependencias da Casa de Hortas acollerán a totalidade do legado do poeta. Para isto prevese diferenciar dúas bibliotecas. A constituída por máis volumes será accesíbel ao público en xeral. A máis restrinxida será de acceso a investigadores e contará con documentación de grande interese sobre a nosa historia cultural dende, polo menos, o período no que o autor se deu a coñecer con Muiñeiro de brétemas.

É, logo, este un día de festa ao que os máis debemos acudir. Alí teremos a oportunidade de acompañar a súa inseparábel dona, Saleta Goi. E alí, coa voz e co son de salientábeis membros da cultura galega, debemos entoar un canto coral de reivindicación da nosa lingua.

"E alí, coa voz e co son de salientábeis membros da cultura galega, debemos entoar un canto coral de reivindicación da nosa lingua"

Como Manuel María proclamou decote na súa prolífica obra. Do que é mostra o seu poema “A fala”, que serve agora para abalar a conciencia neste escuro presente: “O idioma é a chave/coa que abrimos o mundo:/o salouco máis feble,/o pesar máis profundo.//O idioma é a vida,/o coitelo da dor,/o murmurio do vento,/a palabra de amor.//O idioma é o tempo,/é a voz dos avós/e ese breve ronsel/que deixaremos nós.//O idioma é un herdo,/patrimonio do pobo,/maxicamente vello,/eternamente novo.//O idioma é a patria,/a esencia máis nosa,/a creación común/meirande e poderosa.//O idioma é a forza/que nos xungue e sostén./¡Se perdemos a fala/non seremos ninguén!//O idioma é o amor,/o latexo, a verdade,/a fonte da que agroma/a máis forte irmandade.//Renunciar ao idioma/é ser mudo e morrer./¡Precisamos a lingua/se queremos vencer!”.

Eis unha voz poderosa para termos sempre moi presente. O sábado xuntaremos as nosas voces na súa en Outeiro de Rei.

Comentarios