Opinión

Vivir sen permiso

Integran esta obra tres relatos, "O medo dos ourizos”, “Sagrado mar” e “Vivir sen permiso”, narración esta última que se basea na idea orixinal escrita polo autor para a afamada serie vista na televisión nos últimos tempos.

Unha atinada referencia pon o albo no ángulo concreto dende o que enxergarmos este novo libro de Manuel Rivas. Xa que logo, di así a cita de Andrea Camilleri: “A lingua bate onde doe o dente”.

Antes acontecera xa na Brétema de Todo é silencio, e agora, no escenario destoutras historias de Oeste —onde “o mar dá de todo”—, os remuíños da narración espellan un prodixioso exercicio de furtivismo coa linguaxe.

O máximo exemplo de ocultación constitúeo, se callar, o silencio. O alento contido que segue a unha impronunciábel e intimidatoria chamada de teléfono feita a aquel que vive de permiso. “A boca non é para falar. É para calar”, expresábase, por desiderátum do xefe da organización criminal, ao comezo mesmo da devandita novela de 2010.

Neste sentido, en Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, a escrita abala e devala entre a bafarada do diñeiro sucio e das drogas que intoxica toda a sociedade, envelenando o ar “até facelo irrespirábel” e, a liberdade, consentida, no caso da personaxe Lara, de quen, “ao seu aire”, pode vivir sen permiso.

Cando Nemo Bandeira ergue a copa de auga para efectuar un brinde tsarista, nunha atmosfera de gumes afiados, no relato acádase un grao de tensión máxima. Como efecto, directo e evidente, o poder político fica anulado por completo perante a man ameazante do cabeza do cártel.

As leis do chamado “capitalismo máxico” son as que regulan o fluxo narrativo e lles poñen cruces de pedra á existencia. O seu fundamento é sinxelo: “Non hai diñeiro sucio nin diñeiro limpo”. “O diñeiro existe ou non existe”, de aí que o importante sexa a habilidade de facer real o diñeiro oculto.

No tocante aos personaxes, resulta chamativo o trazo caracterizador da desmemoria por parte de quen, dende unha posición de supremacía absoluta, leva forzando durante décadas o conxunto da sociedade a practicar a amnesia.

Neste sentido acada especial rendibilidade a anécdota —ante a imperativa incerteza de ter que escoller, quen está na cima da pirámide e repara aos demais dende a ollada fría do punto de mira— de preferir o párkinson ao alzhéimer. Porque o importante non é que caia unha copa de viño, senón, pola contra, saber onde está a botella.

Xa que logo, este universo narrativo, alén doutras salientábeis consideracións, recrea un poderoso exercicio de dominio lingüístico. O cal, a maiores da evidente interpretación de mestría que supón esta expresión, fai alusión ao poder sobre os designios da poboación que dende a extorsión se exerce coa linguaxe.

De aí a operatividade da sentenza de Saul Bellow inserida no libro: “Cando están pasando moitas cousas, moitas máis das que podes aturar, podes decidir imaxinar que non está pasando nada”.

Comentarios