Opinión

Vive e deixa vivir

Dende hai xa tempo Ramón Nicolás enxerga, dende unha óptica orixinal, o mundo da creación literaria galega. Faino, sen dúbida, dende o seu recomendábel e multipremiado blogue literario, cuxo —consabido— enderezo electrónico é http://cadernodacritica.blogaliza.org/.

Dende hai xa tempo Ramón Nicolás enxerga, dende unha óptica orixinal, o mundo da creación literaria galega. Faino, sen dúbida, dende o seu recomendábel e multipremiado blogue literario, cuxo —consabido— enderezo electrónico é http://cadernodacritica.blogaliza.org/.

"O que de momento hai é rexeitamento masivo da comunidade intelectual por tal decisión. O que, de seguro, ha vir serán palabras baleiras, brindes ao sol e despilfarro  dos cartos de todas e todos, mentres se silencia á mantenta o conxunto da expresión cultural da actualidad"

No chamado “Cuestionario Proust” que alí aparece as escritoras e os escritores galegos, en resposta a trinta preguntas, prefixadas e invariábeis, van dando conta de valoracións, teimas, gustos, fidelidades, soños ou afeccións de seu.

A derradeira interrogante que se lles formula nel ás nosas e aos nosos creadores é a seguinte: “Un lema na súa vida?”.

Como seguidor habitual desta valiosa bitácora funme decatando, ao se iren sucedendo nela as respostas emitidas xa por un amplo número de representantes do ámbito da creación galega, dunha curiosa e significativa reincidencia.

Esta é a que ten que ver coa resposta á pregunta formulada liñas arriba, que, como se indicou, pecha o aludido cuestionario. Así é, o “Vive e deixa vivir”, que lle dá título a este artigo, é, ata a actualidade, a contestación dada —emitida dende a individualidade e, probabelmente, en datas próximas— de xeito recorrente por moitas e moitos representantes das nosas letras.

"Cómpre celebrar que haxa quen  valéndose das máis variadas estratexias, se dedique a actualizar e a visibilizar —esta si— a produción literaria galega viva e o perfil humano dos creadores".

No intre de cubrir o dito cuestionario, a min mesmo se me ocorrera tamén, mellor dito, fora a primeira resposta que, ante tal pregunta, me viñera á cabeza. Pola propia percepción de abafamento, de esixencia de liberdade de expresión que hai na sociedade actual, pola obriga que, neste país, teñen os poderes —públicos e privados— e os poderosos de promoción e proxección da lingua e da cultura que, contra vento e maré, a diario se fai en galego.

Non parece que fose esta a dimensión que, nin tan sequera, prevaleceu á hora de escolleren o escritor que en 2015, a través da celebración das Letras Galegas, ha de erguer a bandeira da nosa identidade.
O que de momento hai é rexeitamento masivo da comunidade intelectual por tal decisión. O que, de seguro, ha vir serán palabras baleiras, brindes ao sol e despilfarro —reiterado— dos cartos de todas e todos, mentres se silencia á mantenta o conxunto da expresión cultural da actualidade.

Por iso cómpre celebrar que haxa quen  —de motu proprio, con traballo serio e rigoroso, como o realizado no amentado Caderno da Crítica—, valéndose das máis variadas estratexias, se dedique a actualizar e a visibilizar —esta si— a produción literaria galega viva e o perfil humano dos creadores.

Comentarios