Opinión

Vázquez Naval por completo

Opinión

Vázquez Naval por completo

Acaba de se publicar Poesía reunida (1988-2017), que abrangue o conxunto da obra de Edelmiro Vázquez Naval (Toubes - A Peroxa, 1949). Sae do prelo de Eurisaces Editora, selo —con sede en Chandrexa de Queixa— que toma o nome deste fecundo panadeiro do tempo do imperio romano.

O volume compendia as obras poéticas que este profesor ourensán ata agora tiña editadas: As voces da saudade (1988), O rito do regreso (1996), As luces de noutrora (2010). E asemade inclúe o libro inédito Temporais pasaxeiros.

Como, respectivamente, pode lerse no remate de cadanseu paratexto que enmarca o corpus poético, “Prólogo” e “Epílogo”, o autor “profesou as matemáticas na vida máis tamén na obra, pois demostrou ser exactamente un auténtico poeta escribindo, sinxelamente, como un poeta auténtico” (Claudio Rodríguez Fer), ao que cabe engadirlle que é “debedor, como lector compulsivo que sempre foi, da escrita poética dos grandes” (Luís Álvarez Pousa).

O volume compendia as obras poéticas que este profesor ourensán ata agora tiña editadas. E asemade inclúe o libro inédito Temporais pasaxeiros

 

“Murió mi eternidad y estoy velándola” é unha expresión de César Vallejo moi acaída ao conxunto da produción analizada. Porque, consonte un se vai mergullando na súa obra, a voz poética non fai máis que indagar, unha e outra vez, no humus profundo da existencia humana.

As modulacións expresábeis nesta poesía chea de interrogantes do vivir son tan variadas coma os rostros da propia identidade intelixente. Mostra disto é o recorrente celme sinestésico da tenrura dos afectos mesturado coa orfandade. Visíbel na evocación de “Nai”: “Escribo estas palabras na distancia,/mentres xogan os nenos: coñeceron/novas da túa vida na humidade/e tristura que aflora na mirada/ó falarlles de ti, de como eras”. Mais tamén na doutras figuras da infancia, coma a Herminda de Goiás: “Sentábate onda o lume da lareira/e contábache contos,/mentres facía as cousas/na cociña”.

O éxodo é memoria prodixiosa, dunha vida en continuo desarraigamento, da calor da infancia ou do val fecundo da terra orixinaria: “Pero ir é destino,/para homes e ríos,/desde as fontes primeiras/ata o mar da beleza”. O rito do regreso expresado na voz dun Ulises moderno: “Talvez sexa a nostalxia o territorio/derradeiro, e exilio que nos queda/ó fuxir dun presente intransitable”.

“Vagan as sombras./Andan as ausencias” na escrita poética. E as páxinas acollen en camaradaxe a invocación doutros grandes e poderosos acentos; coma Rilke, Rimbaud, Baudelaire, Emily Dickinson, W. Blake, Pesoa, Machado, Gamoneda, Víctor Campio, A. Tovar ou Cunqueiro. “Cuál de los dos escribe este poema/de un yo plural y de una sola sombra?” indaga a cita de Borges.

Contra o remate desta edición, “Tiña fe nas palabras” expresa a vontade de deixar nelas: “un murmurio de río pasaxeiro,/un zunido de vento nas follaxes,/unha doce harmonía agarimosa”. Eis o alento da atemporalidade.

comentarios