Opinión

Un señor elegante

Nesta obra de Suso de Toro preséntasenos un relato que se constrúe entre hipóteses, dúbidas, descubertas e interrogantes. Así, como sen querelo, a voz narradora vainos introducindo nun universo, tan descoñecido coma cheo de interese. No que unha realidade oculta agroma aos poucos, a cal se vai exhibindo ou insinuando, e desmarcando da versión oficial contada polo poder establecido.

Nesta novela de non ficción os protagonistas son os membros da familia Baltar. Abeirada ao ámbito da medicina, cuxas orixes se sitúan en Padrón e que, logo, ha acadar grande incidencia en Rianxo e, nomeadamente, Compostela. Se ben o principal axente dun amplo mosaico de relacións humanas é Ramón Baltar Domínguez, finado en 1981. Fillo do tamén doutor Ángel Baltar, ao que habería suceder na dirección do Hospital Real, exercida dende 1940 ata ser este pechado por Franco en 1953. Onde entraría en contacto coa miseria dos máis humildes, do que devén a súa solidariedade e o seu activismo político.

A historia ofrece unha complexa e variada urdime de datos dun clan relevante, posuidor dun estatus e dunha posición social privilexiada, que se caracterizou por manter unha entrega ética en defensa da xustiza e da liberdade.

 E dende os primeiros tempos do franquismo, de repararmos xa no protagonista, cunha discreta disidencia cívica –non exenta de graves consecuencias persoais–, que lle serviría de grande axuda a non poucos beneficiados. Profesional do máximo prestixio, en 1977 considerado “o cirurxián máis popular de Galicia”, elixido para inaugurar –dúas décadas antes–, cunha operación, o quirófano do hospital Centro Galego de Bos Aires. A súa entrega asistencial aos pobres e o seu, discreto pero firme, activismo político ocasionoulle, entre outras consecuencias, o cárcere ou a destitución como profesor da universidade. Figura de poderoso ascendente e estima social, participou en numerosos avatares en relación coa vindicación dunha sociedade galega democrática.

De aí que sexa a propia voz narradora quen amose o seu abraio co personaxe redondo que, aos poucos, vai emerxendo. Dun inicial diletantismo culto e progresista a un consciente e duro militante político. Quen, xa nos anos corenta, militaba na Unión Nacional. A mesma época na que, pola noite, lles prestaba atención médica, no Sanatorio Baltar, aos membros da guerrilla antifranquista. Ou quen, por esas mesmas datas, presidía o grupo santiagués da Unión de Intelectuais Libres. Do mesmo xeito que mantivo forte amizade con outras figuras da cultura galega, caso de Rafael Dieste, determinante foi o seu papel en relación coa familia de Castelao.

No tocante á protección das irmás e do patrimonio, após o pasamento deste. Sendo el quen, a través dun recén creado Patronato Rosalía de Castro, organizase o funeral en Rianxo. E tamén quen conseguise rexistrar a nome daquelas o impagábel lote de bens do autor de Sempre en Galiza.

Comentarios