Opinión

Tripar de novo camiños vellos

Coinciden no tempo a saída de senllos poemarios cos que se pode establecer máis dunha concomitancia: Sendeiros perdidos, de Carlos Méndez e Asulagadas, de Suso Díaz.

Comprometidos ambos coas realidades minguantes do mundo interior dos seus espazos vitais orixinarios. Demarcados estes pola cosmovisión da perda, coma se dun útero nutricio se tratase, en cadanseu riquísimo universo de auga.

Dende o mergullo vizoso na xeografía do val, xa sexa de Ramirás ou do Lindoso, o implacábel decorrer do tempo serve para cubrir de abandono e desleixo as poulas da nenez.

Porén, como ha ir agromando aos poucos, coma veas profundas dun manancial que non estiñe, os carreiros da escrita, so fendas de devalo aparente, ceibarán o celme dunha terra que se reivindica e segue a ser feraz.

No libro do autor de Escudeiros os sendeiros de vida instálanse na evocación: "Ouvín o canto dos grilos./ Oulín o perfume da menta./ Mirei os toxos chorimados/ e os eidos cultivados".

E contrastan coa actualidade do zoar da desposesión: "Nunha corredoira, tolleito,/ hai un resoe de ecos,/ palabras ás que lle faltan vida,/ marcos de pedra/que limitan o camiño".

Entre ambos os planos temporais discorre o vieiro da autenticidade do ser: "Zume da terra,/ frescas sombras,/ paradas da morte,/ a raíz identitaria". Quen, a xeito de epitafio panteísta, espella a asimilación inevitábel: "Aquí, ao teu carón,/ onde nacín,/ collerei o camiño/ que me levará ao teu seo/ e deixarei nos carballos/ un poema tenro/ que arrole a sinxeleza do teu berce".

Mais este humus nutricio, onde se perde unha auga que debese ser fecundante –"A carón da levada/ o traballo das toupas/ ergueu cativas pirámides de terra"–, está necesitado de acción. De aí, como chanzo previo, a importancia da consciencia: "Asinemos, moza belida,/ un compromiso coa terra".

Nun escenario devastador –"Medrou o camposanto./ Minguou o lugar"–, dun tempo sen historia –"Bouzas medradas./ Xaramagos e leitarugas"– e comesto pola orfandade porén, nas "meiladas de futuro" agroma asemade a "Lembranza das flores".

E a solución non está tanto en saber dar respostas senón no atino de formular a interrogante: "É doado enfiar a agulla para coser a esperanza?".

No seu poemario, Suso Díaz ofrécelle unha homenaxe ás terras e ás persoas do vizoso val da súa infancia, a aquelas que se opuxeron á construción do encoro. Nomeadas, lembradas, invocadas, Asulagadas.

"Quen son eu?/ (Preguntaba Luís Soto á súa chegada a Buscalque,/ guiando a barca que salvaba o río naquil tempo,/ no comezo dos anos 30.)" –cando alí exercía o maxisterio–. E dáse a fortuíta circunstancia que había ser Carlos Méndez un dos derradeiros mestres de escolas rurais, a inicios dos anos 70, no lugar de Compostela, tamén en Lobios.

Mentres "Resiste Olelas/ a desfeita dun mundo/ nunca entendido", na xeografía do desarraigamento, mergulláronse os espazos –O Vao, A Reloeira, Aceredo, Buscalque...– e, face á impotencia, fica a evocación: "só podo resistir a terrible dor/ pescudando na memoria aquelas cores".

"A casa vai dentro de nós: as paredes escritas na pel", mais "As vidas desterradas do val do Limia/ son almas procurando acubillo,/ procurándose na soidade do mundo/ onde vagan orfas,/ buscándolle sentido/ á súa existencia inexistente".

Na expresión do autor de Ludeiros a ollada da infancia reconforta a dimensión auténtica: "Agardaba a volta,/ para chegar á casa/ e gozar da tarde con chicoria e pan duro/ en quilos de azucre,/ cantando os meus cantos/ na xanela do lugar,/ onde todo tiña sentido".

Se ben, ao se instalar no plano do presente, é a confidencia afectiva do querer a que se converte en antídoto contra o esquecemento: "Agora:/ agardo por ti/ na memoria do amor,/ agardo por ti/ para sermos a semente/ diste val que vai en nós". Porque, como se enuncia na derradeira sección do libro –"Abrollará"–, "Tiña aberto,/ en soños,/ para ti,/ o lugar do noso encantamento".

Xa que, como expresan os versos de Baldo Ramos –responsábel das fotografías do primeiro dos libros e asemade poeta deste fecundo territorio que gravita arredor de Celanova–, "a poesía é o lugar de encontro/ con todo o que perdemos".

Comentarios