Opinión

Traballo asegurado (I)

Os máximos dirixentes do centralista e centralizador Ministerio de Educación, Cultura e Deporte realizaron, hai apenas uns días, unhas declaracións dirixidas a proxenitores e titores do alumnado do estado.A única intención era desmobilizar a súa participación na exitosa convocatoria de folga, deste 22 de outubro, e na unánime oposición á contrarreforma educativa das elites servas do capitalismo que están instaladas no poder.

Os máximos dirixentes do centralista e centralizador Ministerio de Educación, Cultura e Deporte realizaron, hai apenas uns días, unhas declaracións dirixidas a proxenitores e titores do alumnado do estado.A única intención era desmobilizar a súa participación na exitosa convocatoria de folga, deste 22 de outubro, e na unánime oposición á contrarreforma educativa das elites servas do capitalismo que están instaladas no poder.

"Está claro que, hai xa décadas, teñen como obxectivo irrenunciábel crear unha sociedade raquítica, anestesiada, explotada, dócil, serva, submisa, sen voz nin voto, cuxo único designio é servirlle de man de obra barata ás grandes oportunidades de negocio do capital transnacional".​

Nas referidas declaracións indicaban que —secundantes da folga— “os docentes teñen un posto de traballo asegurado e, sen embargo, os pais enfróntanse a unhas taxas de desemprego moi elevadas e dificultades económicas importantes” (sic) —velaquí, por duplicado, senllas mostras do eufemismo informativo co que enmascaran, a diario, a máis crúa realidade—.

E perante esta miserábel situación que eles mesmos apuntan, quen son os únicos responsábeis? As políticas —privatizadoras e desigualitarias— aplicadas dende o goberno ou o invisibilizábel labor da oposición?

Mais, indo ao miolo da dita declaración, que modelo social é o que, os voceiros da chamada política neoliberal, propugnan sen complexos? Está claro que, hai xa décadas, teñen como obxectivo irrenunciábel crear unha sociedade raquítica, anestesiada, explotada, dócil, serva, submisa, sen voz nin voto, cuxo único designio é servirlle de man de obra barata ás grandes oportunidades de negocio do capital transnacional. Sen dereitos nin prestacións.

A mensaxe —e a intención manipuladora que conleva— fica clara. Se eses docentes non fosen uns “privilexiados” —malia teren superado unha moi restritiva oposición, de verdade, ao sistema público— non serían quen de se manifestar, en contra do sistema imposto polas leis do gran capital. Xa que logo, aínda por riba, preténdenos colocar nunha falsa posición de superioridade laboral.

E doutra banda, e aí reside o máis corrosivo da mensaxe subliminal implícita na “declaración institucional”, faise explícito o verdadeiro ideario do capitalismo reinante, resolúbel na seguinte fórmula: menos oferta de traballo, máis desocupación, menos dereitos laborais, máis demandantes de emprego, anulación da liberdade de expresión, sobreabundancia de  sistemas de dominio e explotación.

"Dende o goberno galego séguese, ao pé da letra, unha política de seguidismo das consignas ditadas polo gran poder".

O autoproclamado poder autonómico —aínda que gustar gustan máis do que conleva o concepto de ‘reghión’— dende logo que non é autónomo nin moito menos soberano. Dende o goberno galego séguese, ao pé da letra, unha política de seguidismo das consignas ditadas polo gran poder.

En coherencia coa ideoloxía nacionalcatólica dos seus dirixentes, o que deberían facer non é querer quitarlle a lexítima representatividade democrática á voz do noso Parlamento. Pola vía do recorte no número das intervencións, pola tentativa de suprimir representantes políticos —que, coa súa lei electoral, prexudica con claridade a oposición—.

Deben abandonar a mascarada xa e dar a cara sen enganos, valéndose, como din, da forza que lles dá o rodillo das súas maiorías absolutas. Deben propor disolverse, dunha vez, e integrarse no poder centralista, do que son o seu implacábel brazo vasalo executor. E, de paso, deixaren de ser unha pesada carga —de recursos e embustes— para os cidadáns.

Comentarios