Opinión

Traballo asegurado (2)

Quen son estes dirixentes políticos totalitarios que poñen en cuestión a lexitimidade das protestas da poboación? Quen son os que cuestionan a indignación social —non se diga aínda a rebeldía— diante de tantos e tantos ataques, selectivos e indiscriminados, aos máis indefensos por parte do poder?

Quen son estes dirixentes políticos totalitarios que poñen en cuestión a lexitimidade das protestas da poboación? Quen son os que cuestionan a indignación social —non se diga aínda a rebeldía— diante de tantos e tantos ataques, selectivos e indiscriminados, aos máis indefensos por parte do poder?

"Quen son os que cuestionan a indignación social —non se diga aínda a rebeldía— diante de tantos e tantos ataques, selectivos e indiscriminados, aos máis indefensos por parte do poder?"

Quen son os que din que todas as persoas que se atreven a mobilizar —como manifestaron a propósito da convocatoria da última folga no ensino— son só aqueles ‘privilexiados’ que gozan dun posto de traballo asegurado?

Cada vez son máis os que, lexitimamente, lles perden o medo á coacción, ás represalias, ao exercicio de represión institucional e saen á rúa. Cada vez son máis os estafados, os penalizados, os empobrecidos, os desconsiderados, os parados, os humillados... polo poder. Cada vez son máis os que teñen menos que perder.

Cómpre reparar en que moitos son os vividores da política. Xente para quen, dende sempre, esté é o seu modus vivendi, a súa única profesión. Xa sexan altos cargos, alcaldes ou outros liberados ou con dedicación exclusiva que, evidentemente, sempre van defender o sistema imperante e nunca van cuestionar a orde establecida.

A súa principal tarefa é conservar o statu quo, seguiren mantendo o control da situación. Do cal estas son algunhas consecuencias directas: sistema alternante de partidos; non cuestionamento das remuneracións e complementos dos cargos públicos; non evitar a fraude fiscal; non lles aumentar os impostos ás rendas altas.

Moitos son os dirixentes do establishment oficial que fan negocio privado á conta do público. Políticos que desvían os recursos que son de todos para a empresa privada, da que proceden, á que irán unha vez rematado o seu lucrativo paso pola política ou a cal, chegado o tempo, os remunerará moi ben polos servizos prestados.

"Moitos son os dirixentes do establishment oficial que fan negocio privado á conta do público. Políticos que desvían os recursos que son de todos para a empresa privada"

Significativamente, no grupo dos ben pagados, mesmo hai notábeis expresidentes de goberno —da alternancia política, centralista e bipartidaria, tolerada, tutelada e establecida—, deses que adoitan sentar cátedra e crear acotío opinión, que levan anos acomodados nos consellos de administración de grandes grupos de poder.

Do adobío e da maquillaxe interesada do inmundo fedor da crúa realidade que emana a pobreza xa haberá logo quen se encargue. Para iso xa hai grupos moi especializados que edulcoran os alimentos ao gusto do consumidor. Velaí a funcionalidade de continuados comunicados oficiais, dos que, ao momento, dan conta debida numerosísimos medios de comunicación, os cales, logo, fican redutíbeis nuns poucos grupos empresariais conformadores de opinión.

Detrás de cada macrocifra económica, as cales son tan do gusto dos seus gabinetes mediáticos, a dereita presenta a matemática aséptica dos datos como un mérito irremediábel da súa xestión. Malia que esquezan, que ignoren por completo, os microdramas humanos que malviven a diario milleiros de familias. Vítimas sen pan sobre as que decote malla a tiranía do mesmo pau.

Por só citar un exemplo, estes últimos días presentouse, no Parlamento, a propósito das consellarías de carácter máis social —Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Sanidade; Traballo e Benestar—, como impagábel logro de boa xestión o descenso moderado —cunha caída moito menor ca o ano anterior— nas cantidades asignadas nos Orzamentos Xerais para 2014. Mais isto tradúcese en que ao recorte de máis de 55 millóns deste ano se lle engaden os 222 millóns xa reducidos no exercicio de 2013.

Mágoa que nestas grandes cifras de fondos públicos para tempos de crisi non apareza tampouco desglosado o reforzo producido na materia de relixión nin o incremento das asignacións extraordinarias ao ensino concertado.

Nin que nas súas políticas de extinción en só sete incendios deste pasado verán gastasen arredor de 2,5 millóns de euros, mentres que cada vez son maiores as reducións da Xunta en trasporte escolar ou en libros de texto.

Nin que, a pesar de as familias estaren cada vez están máis empobrecidas, arredor de  8.000 alumnos/-as perderon, este curso, a gratuidade nos comedores escolares, mentres que aumentou nun 40/% o prezo de cada menú escolar.