Opinión

Tíralle da lingua

A pasada quinta feira 24 de abril celebrouse en Compostela a fase final do concurso de relato oral “Tíralle da lingua”, que, cada curso convoca entre a comunidade escolar a AS-PG.

A pasada quinta feira 24 de abril celebrouse en Compostela a fase final do concurso de relato oral “Tíralle da lingua”, que, cada curso convoca entre a comunidade escolar a AS-PG.

"A principal calidade implícita neste proxecto é, por riba de todo, a reivindicación e a fachenda no uso normal, espontáneo, cotián, habitual, ininterrompido da nosa lingua".

Esta iniciativa, da que polo xeral se fan cargo os equipos de normalización lingüística, conleva unha importante carga mobilizadora no conxunto dos centros educativos.

Isto débese a que, previamente, se realizan diferentes fases de traballo e concurso tanto en escolas coma en institutos. Nelas implícase —alén do profesorado— gran cantidade de alumnado.

Moitos son os aspectos positivos que conleva a participación neste certame: o traballo en equipo, o fomento das propias capacidades expresivas e dramatizadoras, a aprendizaxe e asunción de historias —quer de base culta, quer de base popular—, a corrección e superación continua no proceso de posta a punto…

Mais a principal calidade implícita neste proxecto é, por riba de todo, a reivindicación e a fachenda no uso normal, espontáneo, cotián, habitual, ininterrompido da nosa lingua. En especial por parte dos principais axentes no proceso de aprendizaxe, o alumnado, a mocidade galega. Xa sexa dun lugar ou doutro de Galiza, xa sexa do ámbito rural, vilego ou urbano.

O universo temático elixido para preparar unha sesión de contacontos é moi amplo. De se observaren as propostas que chegaron á aludida fase final poden extraerse alguhas conclusións parciais: achegamento ao universo das tecnoloxías da información e da comunicación, presentación de situacións cotiás da vida dun adolescente galego de arestora, plasmación de contextos lúdicos, abordaxe da tradición literaria…

"De aí que “Tíralle da lingua” se converta nunha inmellorábel ferramenta para explorar as nosas capacidades expresivas na reclamación da normalidade idiomática para a lingua galega".

En definitiva, as notas caracterizadoras teñen a diversidade de propostas, a variedade de estilos e de rexistros como denominador común. E isto é un valor engadido que fala moito das potencialidades dunha lingua viva, que se reinventa en cada ocasión, malia as continuas pexas que se lle tenta interpor por parte dos que ocupan o poder. De aí que “Tíralle da lingua” se converta nunha inmellorábel ferramenta para explorar as nosas capacidades expresivas na reclamación da normalidade idiomática para a lingua galega.

Nesta tarefa é moi de gabar que haxa colectivos que, sen complexos, contra vento e maré, no medio da tempestade, decote turren do mastro da identidade cara a bo porto. E isto débese ao compromiso, ao traballo contiuado e á entrega dos membros da asociación que isto fai posíbel.

O xurado desta última edición estivo integrado por profesorado dos cursos CELGA e de linguaxe administrativa a quen os dirixentes da Política Lingüística deste país, miserabelmente, despediron por non lles ter que pagaren a Seguridade Social.

Como manifestou no remate da fase final quen guiou o acto, a escritora Lucía Aldao, esta é unha aposta a favor da memoria e da supervivencia de todas as galegas e galegos. Da nosa dignidade como pobo. Beizón polo lume aceso.

Comentarios