Opinión

Tíralle da Lingua 2021

A caba de se facer pública a resolución da XX edición do Tíralle da Lingua. O xurado estivo composto polas escritoras Beatriz Maceda e Emma Pedreira e mais pola contadora Xiana Parga.

A relación dos premios deste certame, convocado entre o alumnado galego, pola AS-PG é a que segue: Educación Primaria: (1º) "Historia do nome de Chantada", por Teixo Ocaña Moure, do CEIP Xoán de Requeixo; (2º) "A raíña Lupa", por Adriana Landeira Salgueiro e Iria Seoane Villar, do Colexio Manuel Peleteiro.

1º ciclo da ESO: (1º) "Os chepudos e as bruxas", por Ángela Pérez Vázquez, do IES Aquis Querquernis; (2º) "Quince minutos", por Lidia Chapel, do IES Breamo.

Ensino posobrigatorio: (1º) "Unha persoa e unha sombra", por Nerea Bernal Fernández, do CIFP Fragas do Eume; (2º) "Noite de Rolda", por Lucía Castrillo, do IES Soutomaior.

Todas as participacións concorrentes na final poden verse no seguinte enlace: https://www.as-pg.gal/Podcast/ Segundo se fai explícito nas bases, é este un "proxecto dirixido ao alumnado e ao profesorado co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación oral, de creación e recreación de historias, de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. E sobre todo, asegurar a competencia na fala entre o noso alumnado!".

Non é pouco, entón, o mérito deste consolidado concurso escolar, que conta co patrocinio da Deputación da Coruña. Porque fomenta a expresividade, as destrezas, a espontaneidade do estudantado na nosa lingua. Porque implica a interacción dun amplo continxente escolar, de docentes e discentes, en prol do uso do galego.

Porque supón a esculca e adaptación de historias –de base culta ou popular– en aras de levar a cabo unha atinada interpretación. Porque lle reporta innumerábeis beneficios aos/ás participantes, coma o afán de superación, a capacidade de memorización, a confianza na exposición pública, o exercicio lúdico ou a correcta dicción na nosa lingua. E poderían seguir aducíndose razóns vantaxosas dun proxecto que implica unha decidida planificación e secuenciación nos centros na programación anual. E que implica diversos estadios na propia comunidade escolar, coa celebración das respectivas roldas selectivas, denantes da gran final compostelá.

Unha gran festa da lingua que esixe unha reflexión ao fío da actualidade. Xa que nos últimos tempos asistimos a un gran balbordo político-mediático por mor dun suposto incumprimento lingüístico en Cataluña en relación coas horas lectivas asignadas á lingua dominante. A perplexidade devén do feito de que aquí os poderes públicos reducen de xeito sistemático o número de materias impartíbeis en galego con total impunidade.

E ademais, dende sempre, vulnérase en numerosos centros o mínimo de horas lectivas na nosa lingua. E, por suposto, non acontece ren.

Comentarios