Opinión

Testemuñas directas

As derradeiras décadas do pasado século serven para trazar unha radiografía novelada da sociedade galega a través de senllas propostas narrativas: Baixo as alas de abril, de Xoaquín Fernández Leiceaga e mais Golpes de luz, de Ledicia Costas.
Entrambas, empregando estratexias varias, poñen o albo en parcelas escuras da nosa realidade. As cales, por unhas ou outras ocultas razóns, abordan cuestións tabú, descoñecidas ou incómodas dunha, naquela altura, emerxente sociedade urbana en construción cuxo protagonismo activo lle correspondeu, en calidade de axentes directos, a un efervescente espectro da mocidade. 
Valéndose do motivo da investigación policial, a obra de Leiceaga abéirase á loita armada independentista. E ten a valentía de se mergullar de cheo na dicción dun discurso a proba de estereotipos maniqueos. De xeito que cuestiona as contradicións dun considerado proceso revolucionario de vangarda.

Outorgándolle son directo aos actuantes implicados, un rico universo de contrapuntos narrativos acolle voces directas e antagónicas, que acaban sendo complementarias por definición.

As dunhas forzas policiais que –entre dialéctica e tortura–, con métodos ben diversos, tentan desenmarañar a investigación. As do grupo de militancia que encarnan os feitos violentos –teledirixidos, dende unha zona de confort de sombra, por quen planea as operacións–. As das familias, que sofren as consecuencias dunha violencia contundente e implacábel que lles acaba rebentando nas propias mans.

Consonte o exposto, mérito importante desta obra é alumar, de forma literaturizada, a práctica, a retórica e a dialéctica dun proceso de violencia armada endóxeno, entrecruzado con outros relevantes fíos do evoluír sociopolítico do contexto estatal.
Entre os pasados anos oitenta e noventa ambiéntase tamén a materia narrativa do libro de Ledicia Costas. O seu cometido principal é o de desvelar, dende o propio interior doméstico, a realidade derivada do tráfico de drogas.

Ao observar a súa estrutura resulta curioso comprobar como a distribución dos capítulos responde á secuencia da polifonía de voces dos integrantes do núcleo familiar.

Membros de tres xeracións diferentes  –infancia, madurez e senectude–, a súa voz individualizada dá conta das peculiaridades, intereses, circunstancias e expectativas vitais do grupo ao que representan.

Se ben, por encima disto, e en relación co tema tratado, que actúa como pano de fondo, cada unha das voces, ao seu xeito, é consecuencia do desgarro que unha escura trama, a medida que vai saíndo á luz, incide nas súas vidas.

A abordaxe xornalística é o ángulo de enfoque que vai provocar o desennovelamento dunha acción que ten moito de autodescuberta e de recomposición dun crebacabezas no que o máis próximo é o obxecto interesado de ocultación.

O relato transubstancia unha ollada feminina auténtica que expresa a dureza dunhas vivencias en carne propia. Con ela asúmese o empoderamento fronte a unha dura realidade na que a muller sempre foi vítima.

E ao tempo isto serve tamén para vindicar o papel xogado por colectivos que, dende un comezo, encararon a crueza: "Nais contra a Droga fixeron saltar todo polo aire. Leo na pantalla do ordenador unha das consignas que repetían na rúa, armadas cun megáfono, denunciando o que estaba a suceder e pónseme a pel de galiña: 'Nin tolas nin terroristas, somos nais moi realistas'. 'Por que imos terlles medo, se o peor é que maten os nosos fillos e xa case están mortos?', berraba unha delas, con tres fillos enganchados. Impáctame moito pensar no feito de que a maior parte eran amas de casa que non tiveron reparos en enfrontarse aos narcos. Agarraron o problema polas entrañas e plantáronlle cara sen desviar a mirada".

Velaquí, entón, dous títulos que se abisman, entre silencios e escuridades, nas chaves dunhas realidades nin tan distantes nin afastadas como se podería presupor.

As cales, hai unhas tres décadas, lles afectaron a mozas e mozos e contribuíron a definir a fisionomía dunha sociedade en proceso de cambio. E que agora, dende a observancia da ficción, se lles amosa a lectoras e lectores actuais.

Comentarios