Opinión

Tempo de Irmandades

O ano que vén cúmprese o centenario do agromar das Irmandades da Fala.

O ano que vén cúmprese o centenario do agromar das Irmandades da Fala. Con este movemento de carácter socio-político encetábase o período da “Época Nós”, abortado abruptamente no 36, que constituiría a etapa de maior progreso e desenvolvemento dos sinais de identidade en Galiza.

O 17 e 18 de novembro de 1918 un significado continxente de persoas, en representación de diversas agrupacións locais, celebraron, en Lugo, a I Asemblea Nacionalista. No transcurso dela tería lugar un fito significativo, que fora o de se nomearen os participantes “de hoxe para sempre, nacionalistas galegos”.

E sería, en Compostela, ao ano seguinte, cando decidisen instituír a celebración do 25 de xullo como Día Nacional de Galiza ou Día da Patria Galega.

Neste devir acadaban un relevo especial tanto o enfrontamento co centralismo como a consecución de poder propio —político, económico ou cultural—. Soberanía, dito na linguaxe de hoxe, termo que mesmo xa se facía explícito no Manifesto Nazonalista fundacional.

"Na conxuntura política en que nos atopamos resulta imprescindíbel botar a vista atrás"

Na conxuntura política en que nos atopamos resulta imprescindíbel botar a vista atrás, moito máis cando se achegan datas ben sinaladas: a celebración de eleccións ao parlamento do Estado e o século xa transcorrido dende aquel emblemático 1916.

O elo de unión represéntao —no plano ideolóxico— a coalición electoral —e non electoralista, como outras propostas que hai— NÓS. CANDIDATURA GALEGA. Porque supón un ámbito de converxencia entre diferentes expresións políticas de noso e porque abre un vieiro de esperanza para que se escoite, con máis forza, en directo a nosa voz.
Habitamos unha nación a poula: espoliada, empobrecida, orfa, erma, saqueada, submisa, dependente, marxinal. Sempre a man das mesmas alimarias, representantes dos poderes fácticos establecidos, que se lucran de nós, mais teñen fóra o seu centro de gravidade, con pelico de ovella e voracidade de lobo a cara de can.

O mellor aval contra isto é o posto en práctica por un sector moi dinámico da sociedade galega, que elixiu os/as representantes do nacionalismo nun inédito proceso democrático, de ampla participación cidadá e construído dende as bases.

Nel está a voz auténtica de Galiza, expresada —sen ruídos, sen complexos nin interferencias— en idioma propio. A voz soberana dos nosos sectores produtivos, das nosas clases traballadoras —e das que non poden traballar ou teñen que emigrar—.

Como, tristemente, seguen certificando as palabras de Versos para un país de minifundios: “Os intres que estamos a vivir/son, ¡ouh pobo meu!,/os da verdade. Non cabe/facer trampa, porque todos estamos/xogando a nosa/supervivencia colectiva”.

Cómpre, logo, restaurarmos de novo, en letra maiúscula, o tempo das irmandades. A nosa sociedade máis consciente e comprometida co progreso desta terra e dos seus cidadáns debe sentirse arte e parte de sermos NÓS. CANDIDATURA GALEGA.

Comentarios