Opinión

Soldados forzosos

Esta obra, do historiador Francisco J. Leira–Castiñeira, pretende abordar, tal como explicita o subtítulo, A memoria esquecida da guerra civil española.

O abundante material fotográfico que contén procede de diversos fondos documentais singulares. Entre eles cómpre citar o procedente dos arquivos Pacheco, Fernando Villaamil, do Reino de Galicia ou da española Biblioteca Nacional. De onde se bota man de instantáneas do Gabinete Fotográfico do Corpo do Exército de Galicia.

O colectivo que se focaliza prioritariamente é o integrado polos soldados galegos aos que non lles quedou máis remedio que se alistaren nas ringleiras do exército sublevado.

Aqueles que, tendo principios contrarios aos dos golpistas, integraron un numeroso continxente mobilizado á forza. Por medo a unha cruenta represión que, en caso de se negaren a se integrar na recua facciosa, se ceibaría sobre eles e as súas familias.

Así as cousas, “Galicia, o bastión dos golpistas, era en realidade unha retagarda fracturada polo terror político, pola militarización e pola requisa de todos os efectivos humanos e económicos dispoñibles. O medo, a coerción, a incerteza e a persecución forzaron a unha xeración de homes novos, que se viron obrigados a tomar un camiño que non esperaban transitar”.

Á complexidade dunha sociedade prebélica en período de transformación e modernización contraponse o tópico manipulador, promovido e amplificado por parte do bando desleal, de que a guerra civil española resultou inevitábel.

Para o que cómpre ter en conta ademais o acontecido en Galiza. Onde non houbo nunca guerra e “o que fixeron” –como describiu Castelao– foi o ensaio e a aplicación da barbarie incivil. Unha práctica exercida, no conxunto do estado, dende o comezo da rebelión e ao longo das décadas seguintes, que os estudos máis rigorosos definen como xenocidio.

Neste proceso de falseamento da realidade acadaría gran rendemento un concienzudo e sistemático exercicio de propaganda, espellado, dende un comezo, nos medios afíns ou requisados polos sublevados.

Proceso manipulador no que acadarían gran notoriedade organizacións falanxistas coma Sección Feminina ou a celebración de múltiples desfiles militares, exhibición de forza e poder represor. Así como actos de enxalzamento dos “caídos” en combate ou multitudinarias celebracións do nacional-catolicismo –a Carta Colectiva do Episcopado Español, escrita en xuño do 37, vencellou Igrexa e sublevación–.

Co gallo de evitar disidencias e manter unido o exército o mando das tropas alzadas creou, na segunda metade do 37, o Servizo de Información e Policía Militar, cuxo cometido era vixiar e castigar as insurreccións internas.

E a misión do nomeado Gabinete Fotográfico do Corpo do Exército de Galicia foi a de publicar na prensa novas e fotos salientando a “exaltación patriótica” do noso territorio e o heroísmo das “tropas azuis” fronte ao “terror roxo”.

Comentarios