Opinión

Soberanía: por que, para que?

Acaba de editar o BNG, ao abeiro dunha campaña divulgativa que está a desenvolver, unha breve e condensada publicación titulada Que non che coman o coco. Temos un país de primeira na que, de forma clara, se poñen en evidencia algúns dos principais interrogantes que se cernen sobre nós.

Acaba de editar o BNG, ao abeiro dunha campaña divulgativa que está a desenvolver, unha breve e condensada publicación titulada Que non che coman o coco. Temos un país de primeira na que, de forma clara, se poñen en evidencia algúns dos principais interrogantes que se cernen sobre nós.

Con datos concretos, nela fica evidente a irrenunciábel defensa do concepto de soberanía, o cal ten que facer valer calquera que diga ser defensor dos intereses de Galiza.

"Fica evidente a irrenunciábel defensa do concepto de soberanía, o cal ten que facer valer calquera que diga ser defensor dos intereses de Galiza".

Velaí, en síntese, os principais contidos:

1.Tendo unhas condicións naturais óptimas, estamos á cabeza do abandono de explotacións agrarias e aquí é onde se levan perdidos máis postos de traballo no mar. Temos máis de 260.000 parados porque non nos deixan producir.

2. Somos o país do Estado que perdeu máis capacidade de crédito e onde máis emigrou o noso aforro.

3.O Estado recada en Galiza 7.213 millóns €/ano e só inviste aquí 5.891 millóns.

4. As empresas radicadas no noso territorio —malia xeraren moitas un forte impacto ambiental— non contribúen á Facenda galega.

5.Somos os primeiros produtores de enerxía eléctrica do Estado —en Galiza só se consume o 40%—  e, ademais de non termos ningún beneficio propio, somos o territorio con peor calidade de subministración.

6.Con haber en Galiza unha refinaría de petróleo, pagamos o prezo máis alto en carburantes e combustíbeis (aquí en 2014 subiron un 2,4% mentres que en Madrid baixaban un 0,3%).

7.Con termos salarios, pensións e renda per cápita máis baixos, aquela comunidade recibiu tres veces máis dos fondos europeos de cohesión.

8.Mentres que os nosos salarios e pensións son dos máis baixos do Estado, a xornada laboral é máis longa. As peaxes tamén son das máis caras.

9.O acordo de libre comercio negociado entre a UE e os EE.UU. traerá consigo unhas consecuencias aínda máis destrutivas para Galiza, xa sexa en ámbitos coma o económico, o ambiental, o social ou o laboral.

10.  Polo que respecta á poboación, somos o territorio do Estado co saldo vexetativo máis desfavorábel. Posuímos a máis avellentada da UE. Nos últimos cinco anos máis de 100.000 mozas e mozos tiveron que emigrar.

"A poboación galega ten dúas alternativas entre as que escoller. Sermos donos ou escravos. Termos voz propia ou acabar entregados ao espolio e á submisión".

Analistas e políticos ao uso din laiarse da perda de peso demográfico e económico de Galiza ou de que cada vez haxa máis concellos infrapoboados no interior. Téñase en conta que só no territorio ourensán máis do 67% dos municipios sofren un elevadísimo índice de despoboamento.

Isto resulta aínda moito máis dramático ao ter en conta os datos do informe publicado polo IGE relativos á evolución futura dos fogares galegos. Segundo este, prevese que a provincia ourensá perda, na próxima década, arredor de dez mil domicilios.

Na homenaxe que na fin de ano pasada o nacionalismo lle tributou a Francisco Carballo agromaron as súas palabras e as súas reflexións relativas aos seus eidos natais. Un territorio interior que estaba cheo de vida cando el era cativo e que fica máis ermo e abandonado de cada vez.

Isto non é máis ca o efecto dunha política centralista e centralizadora que, decote, se leva aplicado contra os intereses da nosa terra e da nosa poboación. E isto segue pervivindo e consolidándose, ao abeiro dunha estrutura territorial decimonónica que promove un sistema clientelar, caciquil e despilfarrador. Que se sustenta no mapa provincial e que se reforza co afortalamento das deputacións.

Cómpre, de remate, repararmos na columna vertebral da nosa identidade, o idioma. Para o cal, e de paso non ficar tolleitos, o BNG avoga pola promulgación, con rango de lei, do Plan Xeral de Normalización Lingüística. E que, polo tanto, sexa de obrigado cumprimento.

É ben actualizarmos, neste senso, unha vez máis o pensamento político de Castelao. Nunha estampa das Cousas da vida, nun escenario urbano, parolan dous personaxes populares, un home e unha muller, cunha canada á cabeza ela, que é quen principia a falar:

—De andar a servir se me esquenció de todo el jallejo.
—Vaites, vaites.

Unha síntese perfecta do máis acaído á nosa contemporaneidade. Contra o que clamaron, este pasado domingo en Compostela, milleiros e milleiros de persoas na manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego!

Débense, entón, darlle traslado á cidadanía, de xeito didáctico, os contidos dun decálogo que aínda é susceptíbel de ser moito máis extenso. Porque, no fondo da cuestión, a poboación galega ten dúas alternativas entre as que escoller. Sermos donos ou escravos. Termos voz propia ou acabar entregados ao espolio e á submisión.

Comentarios