Opinión

Entre santos e navallas

Estimábeis resultaron, no seu conxunto, as diversas achegas que, ao longo de 2016, actualizaron herdo e discurso do labor intelectual do escritor en quen se conmemoran as Letras Galegas este ano.

Unha delas é Manuel María: entre santos e navallas, obra asinada por Manuel Vidal Villaverde e publicada por Edicións Laiovento. O título explícase na atribuíbel ampla instrución haxiográfica de quen era asemade un afouto coleccionista de pequenas navallas multiuso.

Nos breves capítulos de que se compón analízanse uns cantos aspectos da actividade do autor da Casa de Hortas. Así, co seu característico estilo, Vidal Villaverde bótalle unha ollada a diversos retallos dunha traxectoria decote incardinada na tarefa do cultivo incesante da cultura galega.

Unha das paradas nas que se detén o autor do ensaio é na da publicación do que sería o seu primeiro poemario. Composto na adolescencia, titulado Marinero en la noche, estaría directamente inspirado na obra que lle valeu a Rafael Alberti o Premio Nacional de Literatura en 1925. E de aquí xorde a proposta que lanzan estas páxinas de rastrexar a hemerografía da época na procura de novas dun libro iniciático do que apenas ficou rastro.

Outra recalada é a que deita luz sobre a edición de Brétemas do muiñeiro, poemario escrito nos anos setenta, malia non ser publicado, por Sabino Torres -figura con importante presenza nas referencias deste ensaio-, ata comezos deste milenio, na colección Hipocampo-Amigo.

Na edición, recollida con posterioridade, que Miguel Anxo Fernán-Vello realiza da Obra poética completa inclúese unha sorte de limiar no que o propio Manuel María debulla algunhas das cuestións que impediron que o libro vise luz ao pouco de se escribir.

Outros elementos tratados polo ensaísta son a condición de ser, o intelectual de Outeiro de Rei, decote un “galego normalizado”, xa nos tempos da dura posguerra da “longa noite de pedra”. E a improvisada homenaxe que, nun congreso organizado por Galeuska a mediados dos noventa, lle realizou ao poeta vasco-francés Francis Jammes –por quen el e Luís Pimentel sentían admiración– diante da súa tumba en Hasparren.

Do mesmo xeito ca a alusión ao Cancioneiriño de Valdeorras, son estas algunhas das cuestións insinuadas, neste pequeño e suxestivo traballo, responsabilidade de quen hai unha década fora autor das “Conversas contemporáneas” nunha cabeceira da prensa galega, que o vindeiro 13 de decembro se presentará en Pontevedra na Casa das Campás.

Comentarios