Opinión

Rosalía sempre viva

O pasado sábado 27 de febreiro celebrouse, na Casa de Hortas, o certame de recitado “Rosalía sempre viva”. Os obxectivos principais con que se concibiu son potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e do recitado da obra de dous senlleiros poetas nacionais galegos: Rosalía de Castro e Manuel María.

Convocado pola Casa-Museo do autor de Outeiro de Rei, destínase ao alumnado galego de ensino non universitario e distribúese en varias categorías de concorrencia.

As adversidades climáticas empeceron os desprazamentos, porén a participación resultou moi notábel, tanto polo que se refire á diversidade de centros coma ao total de alumnas e alumnos protagonistas.

A calidade de conxunto das interpretacións resultou meritoria. Isto, unido ao importante traballo de preparación levado a cabo con anterioridade en escolas e institutos —onde se realizaron fases previas de selección—, outórgalle a esta iniciativa unha elevada dimensión pedagóxica
Con seren gabábeis todas as persoas involucradas no proxecto —organizadores, membros do xurado, profesorado, alumnado e familias implicadas—, son merecentes dunha mención especial as que demostraron un nivel de excelencia superior na súa posta en escena e, logo, acadaron o premio —un por modalidade de participación—. Eis, distribuídos por categorías, os seus nomes:

Educación Infantil e 1º/2º de Primaria:

·Alumnado do CPI de Xanceda (Mesía): “O lobo”, de Manuel María.

3º-6º de Primaria:

·Lucía Ónega Santos (CEIP Menéndez Pelayo – Lugo): “Galiza”, de Manuel María.
Para ambas as categorías recibiu senllas mencións honoríficas o alumnado dos centros:
·CEIP Menéndez Pelayo – Lugo: “O arco da vella”, de Manuel María.
·CEIP Laverde Ruíz (Outeiro de Rei): “A lúa”, de Manuel María.

Educación Secundaria Obrigatoria:

·Irea López Ferreiro (IES Bouza Brey – Vilagarcía de Arousa): “Por que?”, de Rosalía de Castro.
·Carmen Peñalver Deqüit (IES Xoán Montes – Lugo) —mención honorífica—: “Fun o domingo”, de Rosalía de Castro.

Bacharelato:

·Mª Camilla Beltrán Guzmán (IES Leiras Pulpeiro – Lugo): “Verbas a miña nai”, de Rosalía de Castro.
-Teresa Elvira López Martínez (IES Aquis Querquernis – Baixa Limia) —mención honorífica—: “Negra sombra”, de Rosalía de Castro.
 
Só fica darlle os parabéns ás persoas participantes e desexar que iniciativas coma esta gocen de pulo e longa vida. Concibidas dende a sinxeleza de recursos materiais, a súa potencialidade é expansiva. En especial por actualizaren o discurso dos nosos clásicos e exhibilo, de xeito creativo, na voz renovada das nosas mozas e mozos, nenas e nenos.

Comentarios