Opinión

O Reino medieval de Galicia

Esta monografía, subtitulada Crónica dunha desmemoria, inicia unha colección que persegue contar a historia dende unha ollada propia. Intención que fica explícita neste traballo de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira.

No estado-nación-liberal o relato histórico resulta un constructo determinante na configuración dunha identidade asumíbel polos seus membros. De aí o secular e concienzudo papel xogado pola historiografía española para anular as pegadas dun temperán e duradoiro reino galego na Idade Media.

Proceso de ocultación e manipulación ao que contribuíu, dende o XV —de cando xorden os tópicos denigrantes contra os galegos—, a longa dependencia da coroa de Castela —reino dende mediados do XII, logo de se separar do conxunto galaico— e ao que non resultou allea a participación dos sectores hexemónicos de aquí na conformación do moderno Estado español.

Desta sorte “Galicia simplemente se esvaece, e con ela a súa historia; co agravante de isto acontecer non só na súa proxección cara ao futuro, é dicir, debilitándose a súa condición de nación historicamente activa, senón asemade con efecto retroactivo, ao ir borrando o seu protagonismo historiográfico de períodos anteriores”.

A abundancia de fontes históricas testemuñan a extraordinaria dimensión acadada polo noso territorio naquela época. Que, no XI, abranguería, segundo documentación islámica medieval, toda a extensión dos reinos de León e Galiza. Mentres que en mapas europeos do XII se evidencia a distinción Gallaecia-Hispania —tendo presente que os cristiáns lle chamaban Spania ao ámbito peninsular musulmán—.

O cal serve para cuestionar o discurso creado a propósito dos piares fundacionais nos que estea España as súas orixes, tanto no relativo ao concepto repoboación como reconquista.

O percurso que vai dende a constitución, no século III, da provincia romana da Gallaecia, á fundación, no V, do reino suevo —con Hermerico, Requila e Requiario á fronte— e de aí á creación, dende o XII, do mito xacobeo está cheo de elementos substantivos que deixaron pegada, no relativo a este dominio occidental, en numerosas obras, non só historiográficas. Como son a Divina Comedia, Canterbury Tales ou Le roman de Ponthus et Sidoine.

Isto sen obviar o ignorado rol desenvolto por Sancho Ordóñez, Vermudo II (e III), García, Reimundo de Borgoña ou Xelmírez. Cuxo nomenclator apunta, en exclusiva, cara a un silenciado reino de Galiza.

O ímprobo labor, de rescate e vindicación, dos historiadores do XIX, dos membros da Xeración Nós, das últimas achegas debe propiciar agora un salto cualitativo neste ámbito.

O do coñecemento e a asunción, en especial pola masiva clase media, da nosa memoria colectiva. Para o cal resulta imprescindíbel a divulgación de manuais e libros de texto. Aos que se achegar, como disciplina fixa do currículo da ESO, á materia de Historia de Galiza.

Comentarios