Opinión

Reflexións postelectorais dende Ramirás

A partir dos resultados do concello de Ramirás —(4PP), (4PSOE), (1BNG)— produciuse un considerábel rebumbio político e mediático. Isto debeuse, en gran medida, ao perfil de ambas as candidatas das forzas que obtiveron máis votos. 

A partir dos resultados do concello de Ramirás —(4PP), (4PSOE), (1BNG)— produciuse un considerábel rebumbio político e mediático. Isto debeuse, en gran medida, ao perfil de ambas as candidatas das forzas que obtiveron máis votos. A primeira por levar corenta anos á fronte do municipio. A segunda por xerar unánime rexeitamento —debido a obxectivábeis cuestións de índole política e persoal— no resto da corporación.

O resultado é que goberna en minoría a forza máis votada, dado que a segunda —que aspiraba a ter a alcaldía— non cumpriu o requisito esixido, que era a renuncia a ser alcaldesa a última persoa citada. Polo camiño o nacionalismo forzou a abandonar a súa acta a antiga rexedora. Ademais non permitiu que se producise o recambio de mandatarias e que, con outra cor política á fronte da corporación, se puidesen seguir levando a cabo prácticas políticas autoritarias e caciquís. Mais non se puido, entón, contribuír á conformación dun goberno con participación nacionalista.

"Na última campaña electoral do concello de Ramirás os membros da candidatura do BNG – Asembleas Abertas tiveron que padecer múltiples agresións, derivadas, nos máis dos casos, de calumnias, mentiras e difamacións".

Nesta altura cómpre facer unha pequena reflexión sobre a forza política citada que reclama para si o sintagma “de progreso”. E canda isto abrir un necesario debate sobre a reconsideración dos pactos do nacionalismo galego.

Para iso cómpre pór sobre a mesa, entre outros, feitos indiscutíbeis. Velaí algúns:

  •  a conduta nefasta das tradicionais forzas hexemónicas do Estado coa negociación e co reparto dos fondos europeos a partir da entrada na UE, a consecuente desfeita do noso mundo rural e a aniquilación dos nosos sectores produtivos
  • a modificación, hai uns anos, dunha “intocábel” constitución para pór os recursos de todos ao servizo da especulación
  •  a obediencia centralista dun partido que ata o de agora serviu poderosamente para manter a unidade territorial do estado
  • a deslealdade exercida nos acordos de goberno en moitos organismos (supra)municipais

Na última campaña electoral do concello de Ramirás os membros da candidatura do BNG – Asembleas Abertas tiveron que padecer múltiples agresións, derivadas, nos máis dos casos, de calumnias, mentiras e difamacións.

Dende a formación “progresista” fíxose unha campaña na que o nacionalismo foi sempre o inimigo a bater.

Logo das reunións de negociación que houbo —que ficaron rotas pola representación provincial e local da forza “progresista” que aspiraba a acadar a alcaldía— producíronse uns significativos feitos que poñen moi en evidencia o substrato político dalgunha formación.

cartel

O primeiro é que parece que, con tal de acadar votos, todo vale. Habería que traer aquí á lembranza as palabras dun destacado dirixente político do pasado, que defendía a máxima de “sacar votos de debaixo das pedras”.

O segundo é o da tentativa de intercambio de cromos na provincia: do resultado final ía depender a cor política doutros concellos. Isto non é máis ca o poder polo poder.

O terceiro, expresado por un notábel cargo político “progresista” provincial, é, se callar, o máis ilustrativo. Pois foi esta persoa quen, categoricamente, sentenciou que “Ramirás no es Manhatan”.

Neste enunciado agáchase unha profunda desconsideración co mundo rural galego, unha visión prexuizosa dunha realidade social non urbana e unha perspectiva claramente uniformadora e simplista da nosa realidade social.

Como vacina contra isto poderían valer as palabras que no seu día manifestara Octavio Paz, con outra perspectiva ben diferente á do “cargo progresista” a respecto da realidade gringa, sobre que, curiosamente, se pode ser provinciano no centro de Nova York e universal nunha aldea dos Andes.

"O obxectivo é crear un maioritario estado de opinión encamiñado a desacreditar a democrática decisión dos representantes do BNG. E para iso úsanse como armas cotiás de combate a mentira, a chantaxe e a intimidación".

A maiores do xa exposto, os integrantes da candidatura e os membros da asemblea do BNG de Ramirás tiveron e teñen que seguir soportando unha enorme presión, tanto nas redes sociais coma na prensa —e dende moi diversas frontes— ou mesmo en folletos ciscados polo concello, con opinións absolutamente desafortunadas, que crean un inaudito e insoportábel ambiente de violencia local. Todo o cal constitúe, alén de calquera consideración política ou ideolóxica, un manifesto expoñente de presión fascista.

O obxectivo é crear un maioritario estado de opinión encamiñado a desacreditar a democrática decisión dos representantes do BNG. E para iso úsanse como armas cotiás de combate a mentira, a chantaxe e a intimidación.

Mais a pesar disto, a militancia nacionalista mantén o pulso. O valor do asemblearismo, dun partido que se constrúe dende abaixo, é, ao final, o que triunfou. E para iso contouse co loábel apoio da executiva nacional da organización.

Como resultas do exposto, pódese afirmar que a asemblea local do BNG de Ramirás gañou unha importante batalla. A da dignidade. A partir de aquí virá, de aquí en diante, o traballo diario de facer unha oposición política honrada e responsábel.

Comentarios