Opinión

Rebeldía galega contra a inxustiza

 

Con este título encétase unha nova oferta editorial creada por Sermos Galiza S. A.. que constitúe o primeiro número da revista De Nós. Monografías con perspectiva galega.

O volume inclúe traballos de Xosé Álvarez, Xosé Ramón Ermida (coordinador do monográfico), Eliseo Fernández, Francisco Rodríguez, Xan Fraga, Xosé Manuel Suárez, Lucía Veciño e mais Antón Capelán.

As mortes no Campo da Porta (Salceda-Pontevedra), o 19 de xuño de 1884, parroquia na que se constituiría, en 1892, a primeira sociedade de agricultores galega. O masacre de Oseira (Cea), o 22 de abril de 1909. Os asasinatos de Cans (Nebra-Porto do Son), o 12 de outubro de 1916. As vítimas da Terra de Trasancos, entre o 9 e o 13 de marzo de 1918. As mártires de Sofán (Carballo), o 16 de febreiro de 1919. Os mortos de Sobredo (Guillarei-Tui), o 28 de novembro de 1922.

Grande importancia, nestes e noutros conflitos, adquiriu o papel protagonista das mulleres, como tamén ficou de manifesto no caso do “Motín da fariña” (Barallobre-Fene), en 1918, ou nas protestas do Saviñao, en 1946.

Nestes marcos de memoria, postos á luz polos diversos estudosos desta obra, amósanse verdadeiras cruces de pedra na Galiza. Por canto simbolizan a superación da traxedia sufrida e a transforman en exemplo de dignidade e resistencia válidos para o momento actual.

Nestes marcos de memoria, postos á luz polos diversos estudosos desta obra, amósanse verdadeiras cruces de pedra na Galiza

 

Algúns daqueles vellos males son hoxe ben coñecidos: abuso de poder contra a clase traballadora; pacto entre oligarquías dominantes; forte represión militar; impunidade dos vitimarios; reinterpretación dos feitos e relato histórico polos poderosos; atraso, servidume e caciquismo; manipulación informativa; réxime monárquico contrario aos intereses do país.

Moitos foron os escritores e intelectuais de noso que lle puxeron voz e fixeron voto fronte estas magoantes realidades descritas aquí. Como foi o caso, nun ilimitado ronsel, de Lois Porteiro, Ramón Cabanillas, Alonso Ríos, Castelao ou Blanco Amor.

Ante isto, á sociedade galega consciente, arestora, débese demandarlle, entre outras suxestións, organización e unidade de acción, dentro dunha estratexia sociopolítica conxunta definida pola altura de miras e polo servizo aos intereses do noso país.

Nestas páxinas espéllase asemade a febleza derivada da carencia xeral de medios propios. Velaí a proxección dunha arela apremiante. Oxalá o Diario Galego contribúa, de xeito duradoiro, ao obxectivo nuclear de ollar a realidade dende a nosa perspectiva e de actuar con vontade aglutinante, de xeito que se dea conta da complexidade social existente e se aspire a representar os intereses da maioría da nosa poboación.

Comentarios