Opinión

Rastros do nazismo en Galiza

Ligou que os últimos títulos de prosa que acabo de ler coinciden en pór o foco nunha temática común e de grande interese. Refírome a Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, e mais a Izan o da saca, de Xabier Quiroga, editados entrambos en 2015.

Relatos literarios, construídos con evidente destreza narrativa e non exentos de vocación pedagóxica, os dous esculcan, dende ópticas diferentes, nun aspecto do noso pasado recente, ata o de agora non abondo estudado e menos divulgado.

As pegadas do nazismo en Galiza. Ese ben podería ser o sintagma aglutinante no que converxen as dúas tramas narrativas. Marcadas durante as longas décadas de asfixia que trouxo consigo a sublevación fascista do 36.

En Cabalos e lobos analízanse as contradicións dunha próspera familia burguesa asentada en Vigo, medrada social e economicamente á sombra da fortuna que producen os negocios de se estar do lado do bando do poder.

Nunha estarrecedora carta que se inclúe no libro preséntase con claridade o rostro familiar da barbarie das purgas sufridas durante o tempo do III Reich

Nunha estarrecedora carta que se inclúe no libro preséntase con claridade o rostro familiar da barbarie das purgas sufridas durante o tempo do III Reich. E a miseria da condición humana de quen, malia o pedimento desesperado de axuda a quen gozaba dunha inmune e confortábel posición, mesmo lle denega ao próximo unha derradeira táboa de salvación.

Nunha época na que os puntos cardinais, como cara ou cruz, determinaban a condena ou a salvación: “Os trens alemáns parte cara ao leste, con rumbo ao descoñecido e á neve. Os barcos non, os barcos buscan o solpor, o horizonte cálido e as terras libres de América”.

Porén, moitos dos máximos axentes do xenocidio e responsábeis dos campos de exterminio si fuxiron, á fin da guerra mundial, cara ao ultramar, valéndose do paso franco que lles ofrecía o territorio galego e o clima de totalitarismo, militar e relixioso, reinante.

Izan o da saca, daquela, formula, en clave de novela negra, unha intensa pescuda que ten como epicentro da trama as terras do triángulo que conforman a confluencia dos ríos Miño e Sil.  A axilidade narrativa que manexa o autor leva a entrecruzar dous planos temporais —a segunda metade dos anos corenta e a nosa actualidade— nos que conflúe unha mesta urdime de intereses políticos e económicos.

Ter e reter o poder é fío que une xeracións de dominación, mais tamén é gume afiado que fai tronzar vidas

Ter e reter o poder é fío que une xeracións de dominación, mais tamén é gume afiado que fai tronzar vidas, cavar silencios, para que non se desenmascare a historia e para que se siga mantendo a orde establecida.

Neste sentido, exercicios literarios coma estes constitúen un gabábel achegamento a parcelas escuras da nosa realidade. Ao interese temático e estilístico que representan engádeselle o de asemade seren oportunos.

Máxime nun tempo onde vemos que representantes das forzas políticas dominantes e alternantes son reacios á desclasificación dos chamados segredos oficiais e de que se lles empece a botar luz a aspectos da historia contemporánea.

Os traballos comentados constitúen, daquela, un magnífico xeito de achegamento a zonas escuras da nosa realidade, dende unha perspectiva creativa e didáctica. Deben ser, xa que logo, produtos recomendábeis para achegar a nosa mocidade a se adentrar no labirinto das verdades, aquel no cal só se avanza á forza de ir atinando nas preguntas.

Comentarios