domingo 05.04.2020

A pé de obra: Ramón Cabanillas do A ao Z (113)

Dentro da vasta produción literaria deste escritor, a poesía ocupa un lugar non menor, mais se callar menos coñecido, na escrita de Ramón Caride Ogando.

Así, nos últimos tempos, canda o volume de relatos Singamia 1.1, o autor deu ao prelo o poemario Ramón Cabanillas do A ao Z. Obra que constitúe unha xustificada homenaxe creativa a un autor merecente dunha maior proxección no noso sistema literario.

Nesta dimensión, o profesor de Cea afincado no Salnés titula cada poema cunha palabra iniciada coas correspondentes letras do alfabeto galego. Mais cada un destes termos corresponde con vocábulos asociados coa literatura do poeta nado en Fefiñáns.

Isto é así dado que nun glosario final se contextualiza o dito vocábulo en relación con aquela. Desta sorte esta escrita poética dialoga e focaliza unha dimensión do universo creativo deste celebrado poeta.

De quen se cumpre o sexaxésimo cabo de ano do seu pasamento. De xeito que, nesta publicación, que contén ilustracións de Xosé Cobas, editada polo Concello de Cambados, se aúnan tanto creación coma recreación a partir dun universo literario orixinal.

Inspirado, por tanto, na poética dun “mestre que me foi acompañando en silencio”, segundo anuncian unhas verbas rescatadas de Xosé Luís Méndez Ferrín que constitúen a portaleira de acceso a estes poemas.

A vindicación pola figura do autor de Na noite estrelecida fora xa obxecto doutras creacións por parte de Ramón Caride. É o caso, logo, dos seus “Dous acrósticos na beiramar dun poeta”, que forman parte do libro Diacrónica (2002), incluído no volume da súa poesía reunida titulado As máscaras de Cronos (2006).

Se naqueles a voz poética nos transportaba a unha Galiza tan ensoñada coma irreal -“No desterro soñaches outra patria imposíbel”-, nestoutros é esta realidade a que, sen dúbida, navega cara á procura dunha harmonía infinda.

Como, por exemplo, semella acontecer nos versos do poema “Umia”: “Río vedraño que nos levas/entre baos e xunqueiras,/quen saberá os teus camiños/senón o vento mareiro?//Vento mareiro/que pasa.//Vento mareiro/que zoa.//Vento ventiño/que bica/embora”.

A pé de obra: Ramón Cabanillas do A ao Z (113)
comentarios