Opinión

Propostas para O Diario Galego dende Terra de Celanova

Botar man do labor da nosa academia semella obrigado aquí, no corazón desta comarca. Pois foi fundamental o papel xogado, en terras americanas, dende a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega –naquela altura aínda non era Real–, por quen naceu na vila de Celanova en 1851.

Para o termo ‘xornalismo’ o dicionario desta institución trae o seguinte significado: “Actividade informativa que se leva a cabo a través dos medios de comunicación”. Perante o lanzamento d’ O Diario Galego, se lle acrecentamos á dita definición, no remate, dúas palabras esta acadará un sentido máis completo: “Actividade informativa que se leva a cabo a través dos medios de comunicación para nós”.

E con isto estase a pór a luz non só na materia susceptíbel de tratamento, senón tamén na focaxe que a esta se lle outorga, así como tamén no destinatario da información. Dende este vasto territorio nucleado arredor da bisbarra de Terra de Celanova, imos ter presente, xa que logo, o labor dalgúns senlleiros nomes desta xeografía, caracterizados todos eles polo bo facer nos medios de comunicación.

En primeiro termo, a obra do xa aludido Manuel Curros Enríquez é unha xurdia mostra de vindicación de liberdade, de compromiso e de identificación coa realidade do país. De aí a popularidade acadada no seu tempo, en gran parte, debedora do seu labor xornalístico. De 1895 é a seguinte cita:

Os que condenan o cultivo dos dialectos deberán fixarse nesa circunstancia para convencerse de que non cómpre apelar ás linguas oficiais impostas, nin ao idioma dos sabios, para producir obras transcendentais.

E, do máis antigo ao máis presente, dado que, dende hai décadas e até os nosos días é inxente o labor xornalístico de Xosé Luís Méndez Ferrín, enxergando a realidade con ollada crítica, auténtica e perspicaz. Valla de exemplo o que segue, extraído dun artigo de 2006:

Máis ca en ningures, no Furriolo e en Celanova se executou con severidade e rigor a orde de silencio selada co apretón de mans entre Carrillo, Felipe, os franquistas, o exército, a banca, a Igrexa Católica e os EE.UU., que trouxo o actual réxime político español da II Restauración Borbónica.

Mais non fica aquí o repertorio de autoridades do que extraer sabias leccións. Porque, na diáspora e a través das ondas sonoras o noso tamén conveciño Carlos Velo, no seu constante labor, mesmo chegou a artellar un proxecto de traballo baseado no Sempre en Galiza de Castelao.

E neste punto cómpre lembrar a énfase subliñada en prol do asociacionismo das colectividades galegas en América, contraposto co estéril individualismo de aquí. Quen isto escribía na prensa era Roberto Blanco Torres, autor dunha indispensábel obra xornalística, quen, malia non ter vinculacións con este territorio, o infortunio provocou que pasase, na prisión central en que se constituíu o mosteiro celanovés, as súas derradeiras horas no comezo da Longa noite de pedra.

Con certeza, este catálogo de voces ficaría de todo incompleto de non citarmos, en última instancia, o labor de Celso Emilio Ferreiro. No editorial do semanario Adiante -tirado a principios de 1933 pola Mocidade Galeguista de Celanova- escribía el mesmo:

pra destacar mais ainda a nosa persoalidade, fai falla que Galiza teña senso do seu propio valer; fai falla qu-esperte as realidades estórecas, e que dende a cibdade a vila, e dend-a aí dei[c]a o casal, latexe unha concenza d-emancipazón d-iste réxime centralista, funesto herdo da podre monarquía.

Lúcidas verbas, escritas xa no primeiro terzo do pasado século, ateigadas de triste actualidade.

Todas estas referencias erixen un baluarte dende o que alicerzarse e botar a andar O Diario Galego na Galiza do noso tempo. Consonte o exposto, a singradura que se enceta non debe ser allea, ao noso ver, aos seguintes principios: tratamento da realidade dende unha posición aberta e de progreso; análise de calquera temática, dende o local ao internacional, con ollada galega; vehiculización dos intereses e necesidades dos diferentes sectores; consciencia de vivirmos nunha cidadanía plural; participación dun proxecto de transformación social; contribución ao reforzo dunha identidade propia; vontade de escribir para unha maioría social; compromiso de permanencia, con independencia dos avatares políticos.

Porque para sermos “bos e xenerosos”, como di a letra do noso himno, estamos na -gozosa- obriga, decote, de practicar a xenerosidade, para que a nosa voz entendan cantos máis galegos e galegas sexa posíbel, para que non torza nunca o camiño a seguir de progreso do país.

Que O Diario Galego, que hoxe saudamos no seu nacer, sexa medio poderoso de conseguirmos unha sociedade galega consciente e próspera, que se goberne en función de intereses propios. Que O Diario Galego sexa, entón, a canle de expresión do empeño nunha auténtica tarefa transformadora, que é aquela —na súa dimensión máis ampla— que non renuncia nunca a poder.

Comentarios