Opinión

Precisamos a lingua

No anterior informe emitido o Consello de Europa criticaba duramente a política lingüística da Xunta de Galiza, en virtude do seguimento do (in)cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

No anterior informe emitido o Consello de Europa criticaba duramente a política lingüística da Xunta de Galiza, en virtude do seguimento do (in)cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Nel soaban todas as alarmas pola drástica redución do ensino en galego nas escolas e polo desamparo que recibe a lingua propia de Galiza en calquera eido da sociedade. Como imprescindíbeis medidas correctoras, proponse a necesidade de que haxa un número abondoso de escolas —moi lonxe do que está a acontecer nas cidades, onde non hai nin unha mínima oferta en galego— que ofrezan toda a educación no noso idioma.

"A nosa é a lingua oficial do estado que máis sofre a caída de novos usuarios. Do que se deduce con claridade que a política lingüística aplicada non está pensada para garantir a recuperación do galego senón para impulsar a súa desaparición".

En coincidencia co exposto, A Mesa pola Normalización Lingüística acaba de presentar, este mesmo outono, un completo e documentado “Relatorio sobre a aplicación en Galiza da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”.

Foron tamén os responsábeis da MNL quen lle espuxeron ao comité de expertos a disconformidade por non seren consultados por estes, para elaborar o informe, representantes doutros organismos salientábeis no traballo normalizador.

No aludido relatorio denúnciase o avance do proceso de substitución lingüística do galego polo castelán, derivado da perda intraxeracional e de transmisión interxeracional.

“Nas nosas vidas non apreciamos que se estean a emprender medidas adecuadas e favorábeis á causa do galego” son as palabras dunha carta dirixida, dende a Casa de Rosalía hai uns días, pola mocidade universitaria galega aos máximos dirixentes políticos.

A nosa é, en consecuencia, a lingua oficial do estado que máis sofre a caída de novos usuarios. Do que se deduce con claridade que a política lingüística aplicada non está pensada para garantir a recuperación do galego senón para impulsar a súa desaparición.

Mostra evidente do dito constitúea a información proporcionada polos datos do IGE. Dela despréndese unha substancial perda no número de persoas que se expresan acotío en galego, mercé ao cal este xa non é a lingua de uso habitual da maioría da poboación.

Traballando nas aulas “Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega”, expostos no libro de Manuel Núñez Singala, En galego, por que non?, o alumnado fica sorprendido que, no conxunto das máis de cinco mil linguas do mundo, a nosa sexa unha das que ten máis falantes. Mesmo sen ter en conta que, coa mesma lingua que empregamos, nos podemos comunicar por todo o mundo, con millóns e millóns de persoas, a través dos países de expresión portuguesa.

"O abraio é aínda meirande ao se decataren de que o posto que na escala nos corresponde por número de falantes mellora substancialmente de se ter en consideración a vitalidade que o noso idioma ten en internet"

Mais o abraio é aínda meirande ao se decataren de que o posto que na escala nos corresponde por número de falantes mellora substancialmente de se ter en consideración a vitalidade que o noso idioma ten en internet. A este respecto, estes días podía lerse, na prensa en castelán, que o galego é unha das vinte e seis linguas máis usadas nas redes sociais.

No devandito informe elaborado pola Mesa, o capítulo 11 iníciase do seguinte xeito: “A día de hoxe, a porcentaxe de uso do galego nos medios de comunicación é inferior á que existía na década dos oitenta. Multiplicáronse os medios en español e os medios públicos do Estado reduciron drasticamente as emisións en galego”.

Este ano cúmprese unha década da aprobación no Parlamento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Tal como pode lerse, ao pé da letra, no portal da SXPL, “Nel recóllense máis de catrocentas medidas concretas, elaboradas a partir da realidade lingüística de Galicia, para favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e garantir que calquera cidadán poida vivir plenamente en galego”. A sabedoría popular, á vista da crúa experiencia, diría que isto non é máis ca literatura barata, papel mollado ou brindes ao sol.

A maquillaxe da realidade —coma un cadáver ‘cheo de saúde’ exhibido na vitrina dun tanatorio— e a manipulación social son instrumentos cotiás empregados a feito polos poderes establecidos.

Estes días no Parlamento de Galiza discorreu o debate sobre o estado da (i)nac(c)ión —este sintagma incluínte pode ser, a estas alturas, o máis representativo para abranguer as pretensións de todo o espectro político alí presente—.

"Hai que lles esixir aos xestores dos nosos fondos públicos que —no canto de ocultar a nosa cultura, de silenciar as nosas voces— visibilicen e promocionen ao máximo a nosa expresión, a través de todos os medios posíbeis". 

Isto valeulle ao presidente para abdicar da súa responsabilidade soberana, presentar unha realidade incríbel e mesmo fuxir cara ao negacionismo da máxima arela da nación catalá.

Resulta curioso, neste intre, que, logo de tantos milleiros de papeis editados, de tantos millóns de euros públicos dados aos medios de comunicación —especialmente a un— para promover a cultura e a lingua galega, a castelanización da prensa, mesmo a feita aquí, sexa absoluta. O obxectivo final fica ben claro, entón. Control total sobre contido e continente dunha versión oficial dos feitos que debe ser tomada como dogma de fe.

Por contraste, en datas recentes, o xornal máis importante de tirada estatal acaba de abrir a súa edición dixital en catalán. A isto chámaselle elocuencia de seu.

O control do discurso é o que, en definitiva, está en xogo, nesta xa longa historia de xustificacións inxustificábeis, de simulación e manipulacións con fondos propios exercida dende o poder. E cómpre ter moi presente que tras dos prexuízos —alén de intereses ocultos— están os complexos, agachados na outra face da moeda.

Hai que lles esixir aos xestores dos nosos fondos públicos que —no canto de ocultar a nosa cultura, de silenciar as nosas voces— visibilicen e promocionen ao máximo a nosa expresión, a través de todos os medios posíbeis. Con fachenda. Sen complexos.

A voz limpa do poeta Manuel María expresouno ben claro nuns versos d’ As rúas do vento ceibe: “Precisamos a lingua/se queremos vencer”.

Comentarios