Opinión

Pla Zubiri rescatado

 

O profesor Emilio Xosé Ínsua responsabilízase dun rigoroso e documentado traballo titulado O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri (1874-1936). Distribuído en senllos extensos volumes, o primeiro está dedicado á “Traxectoria biográfica e contextualización da súa obra”, mentres que o segundo compila toda a súa “Obra literaria reunida”.

É autor encadrábel na —por Méndez Ferrín— denominada “Xeración antre dous séculos”. Dáse a coñecer del a súa múltiple obra esparexida, unha parte da cal está escrita en galego. Alén de incluír os dous libros publicados en vida, o poema narrativo A Tola de Covas (1916) e máis o relato Desengano (1926), incluído na colección de novela curta da editorial Lar.

Non alleo a unha concepción diglósica á hora de escoller a lingua das creacións poéticas, a súa opción estética predominante, no tocante aos poemas en galego, foi a corda sentimental e costumista, deitando unha clara ollada para a tradición folclórica. Polo que respecta á narrativa, o seu referido título encadraríase dentro do que foi a tendencia do sentimentalismo tráxico.

As súas colaboracións en cabeceiras non contrarias ao ideario do nacionalismo galego cadran co seu efémero achegamento ás Irmandades da Fala. Disto son mostra os textos que publicou en A Nosa Terra, O Tío Marcos da Portela ou mesmo Suevia Ultreya.

Non alleo a unha concepción diglósica á hora de escoller a lingua das creacións poéticas, a súa opción estética predominante, no tocante aos poemas en galego, foi a corda sentimental e costumista

 

Á hora de definir obxectivos, o autor deste traballo sinala o de reconstruír o percurso vital deste escritor e, asemade, reivindicar, rescatar, reunir e contextualizar o conxunto da súa produción. Unha vez conseguido isto con amplitude, cómpre subliñar unha outra dimensión que non lle é allea a este ensaio. Esta é a de pór en valor os dous epicentros que decote alentaron a creatividade deste rexistrador da propiedade de profesión.

Dunha banda o seu Viveiro natal e doutra A Pobra de Trives, territorio ao que o uniron fortes vínculos afectivos e creativos —xa sexa dentro da literatura ou do xornalismo— ao longo da meirande parte da súa existencia. Contribúe, logo, esta primeira entrega da “Biblioteca Emilio Antonio Ínsua García de Estudos Viveirenses” a pór luz sobre unha descoñecida parcela do legado creativo intersecular. E, ao tempo, a espellar o arraigamento cun dominio de adopción, no corazón das fermosas terras do Macizo Central, onde ata agora non se tiñan novas da veciñanza con elas, tanto dende unha perspectiva vital coma creativa, deste escritor.

Comentarios