xoves 16.07.2020

Ao pé de obra (124): Pazo de Tor.

A lonxevidade creativa de Luz Pozo Garza abrangue un dilatado período que se estende dende 1952 —data da publicación d’O paxaro na boca— deica o remate de 2018, intre en que saíu do prelo Pazo de Tor, este seu derradeiro título editado.

De atérmonos ao verbo introdutorio que o antecede, este supón, en palabras de Carmen Blanco, un labor de restauración da vida da creadora e da xenealoxía luguesa-ourensá de súa nai; unha viaxe interior que representa un camiño luminoso cara ao coñecemento poético, segundo afirma Víctor Freixanes.

Nesa procura esencial cara á transcendencia o verso aliméntase dunha rica simboloxía poética, consubstancial ao vasto conxunto produción da autora, ao que non é alleo un definitorio trazo de estilo da súa escrita, a consumada impronta da delicadeza: “Eu son a creatura que chama polas rosas / ás portas do misterio”.

A transmutación poética provoca que, lonxe do ocaso que podería supor o espellar da ruína, florezan os piares dunha identidade afirmada: “O vello pazo é un xardín / e unha fonte / para ensoñar a noite dunha patria”.

Simbolismo de aves e claroscuros que crea unha dimensión nova no alento inmorredoiro da voz poética: “...e ascendín toda luz / en vértigo purísimo / a me perder / na insondable luz da alma”.

A holografía do existir que proxecta representación multidimensional da elevación a través da luz: “Contempleime no espello / de materia sublime / e mireime na imaxe escindida / da condición humana”.

E se converte en oráculo revelador do que se insinúa, do que supuxo toda a traxectoria vital, do que permanece: “E ti es pedra solar / e rosa púrpura / muller de ser e tempo”.

A eternidade instálase na cifra atemporal dun ars amandi e a inocencia transmútase nos variados elementos: a neve, a lúa, a fonte, as rochas puras. E entón prodúcese a ósmose do gozo á intelixencia “no reino azul da luz e do delirio”.

Mais tamén a harmonía cósmica —“non se pode arrincar unha flor/sen perturbar a vida das estrelas”—. E o continuo exercicio metaliterario da autora coa tradición, representado aquí pola “Rosa inmorredoira de cen follas”.

Se ben tamén está presente na evocación da autora do Códice Calixtino á  invocada tradición medieval nas “claves fermosísimas / para morrer de amor...”. Ou no “límpido fulgor” da sombra do aire na herba ao ler, na escalinata do pazo, o “Nocturno” de Luís Pimentel, para Rosalía.

A transfiguración que representa “a sombra leve / dunha garza en fuga...” sérvese, para insuflar azos na travesía, do son da melodía, que “entra no corazón / como a rosa absoluta”. A música que “comunica harmonía a miña ruta // sobre as ondas do mar / e as brancas velas”.

Así “a excesiva beleza / que nos fire...” dá pé ao recoñecemento da mellor tradición —“Graciñas, caro Ovidio / Tempus fugit...”. E a se integrar a voz na modulación sonora do canto: “Neste lugar querido e afastado / inefable solar / das miñas puras virtuais reliquias // a ti me entrego…”.

comentarios