Opinión

Os nomes do terror

A quinta publicación editada e distribuída por Sermos Galiza pon o albo de esculca nun eido que, derivado do corsé sociopolítico creado dende hai xa catro décadas, fica pendente de resolver. A análise en profundidade de causas, actores e consecuencias da sublevación fascista de 1936, que, para o caso galego, supuxo o exterminio e o saqueo do capital de intelixencia e compromiso co país que fora medrando con pulo dende había dúas décadas.

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron é unha obra colectiva, coordinada por Xosé Ramón Ermida Meilán, Eliseo Fernández Fernández, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Dionísio Pereira González, que enxerga esta realidade dende unha perspectiva novidosa. A de lle pór rostro e nome a moitos dos represores do que aquí supuxo unha cruenta barbarie incivil.

Como arestora permite observar con clareza a cuestión do pazo de Meirás, a actualidade desta temática non deixou nunca de estar presente: porque os bens apropiados e roubados ás vítimas nunca lles foron restituídos; porque o poder político dominante ampara e financia organismos que fan bandeira do fascismo; porque a legalidade se volve decontado contra quen —tanto individuos coma forzas políticas ou sociais— ouse alterar o statu quo establecido.

E é que, tal e como se declara no limiar desta publicación, os sucesores de quen foron os verdugos, situados nos núcleos centrais do poder e do goberno dende 1977, non verán comprometidas as posicións de privilexio que viñan ocupando no franquismo.

O poder político dominante ampara e financia organismos que fan bandeira do fascismo

 

O labor de historiadores e investigadores na materia leva sido albo continuo de pexas e atrancos, xa sexa dende a perspectiva da dificultade ou mesmo imposibilidade de acceso a fontes documentais, xa sexa dende a apertura de procesos xudiciais por realizaren o seu ético, científico e impagábel labor.

E isto seguirá sendo así, segundo se sinala nas páxinas deste volume, até que “non se conforme un entorno xurídico-político plenamente garantista e un ambiente social maioritariamente receptivo”.

Moitos son, xa que logo, os retos que a nosa sociedade, logo de tantos anos, segue a ter contraídos coa causa da res publica, a da democracia, a da liberdade, a da xustiza social.

O labor de historiadores e investigadores na materia leva sido albo continuo de pexas e atrancos

 

Entrementres, é apremiante o traballo, con especial énfase na pequena escala, que queda por facer. Sobre todo para o caso de Galiza, onde a pronta instauración do réxime franquista, que se valeu das máis cruentas formas de represión e exterminio, contribuíu a afortalar unhas emerxentes elites locais.

Comentarios