Opinión

Oroza

Coñecín Carlos Oroza hai dúas décadas en Vigo


Coñecín Carlos Oroza hai dúas décadas en Vigo, urbe de instalación —logo dunha intensa experiencia pasada noutros lugares— deste errático creador universal. Foi ao abeiro dun faladoiro no que participaban, entre outros, diversos escritores galegos. Este tiña lugar, os sábados contra o mediodía, na, xa hai moito desaparecida, cafetaría Tres Luces, da rúa Urzaiz.

Aínda hoxe seguen resoando os versos por el declamados naquela época nas paredes daquel recanto da lembranza: “Y poe estaba americando/Y poe llevaba un bicho que había salido por su boca/Y era poe/Poe –poe–/Poe haciendo ruidos con el agua/Poe besando por el alma de la playa”.

Dende aquela, sempre polo centro da cidade, fun seguindo o seu ir e vir de independencia cosmpolita. O seu vagar solitario no que o encontro sempre supuña atopar a palabra lúcida expresada cun ollar agudo e cálido. Unha das derradeiras veces que falei con el, entre o acento recendente compartido de tabaco e café, foi, no pasado verán, no Detrás do Marco, onde acostumaba parar. Lembro que leu o texto de Lonxe que eu tiña marcado e, erguendo a súa mirada alegre, dixo: gran poeta!

Gran poeta! Ese é, xustamente, o enunciado que se lle podería apor á súa obra, á súa figura intelectual. Ou quizais aínda lle sobren palabras. Se callar, abonda un só nome, escrito en maiúsculas, iso si: POETA!

Curiosamente, as dedicatorias dos seus libros que posúo —En el norte hay un mar que es más alto que el cielo (1997), Évame (2013)— levan senllos nomes femininos grafados por el. Coma a palabra, coma as palabras, evocadas, invocadas, ou, noutra dimensión, aspiradas: “La palabra me devuelve al origen y nos da el remoto placer de la rosa en vocablos”.

De Una porción de tierra gris del norte son tamén estoutros versos deste mestre da oratoria poética, que insinúan a forza impetuosa da oralidade, que el sempre puxo en práctica: “La sensación primera/Las noticias o acaso un principio/Los sonidos después/Su longitud erótica/La palabra”.

Rastrexando o recordo de viva voz do seu verso pódese transitar por unha cartografía sen límites. Na senda indefinida e máis cosmpolita do eco. Unhas novas coordenadas, de difusos puntos cardinais, que el creou.

Liberdade: “Mi propuesta es el aire/Lo imaginario el punto de partida”.

Delirio: “No es el orden ni es el tiempo el que nos da el placer/Su pureza”.

Dignidade: “El grito de la libertad ha muerto intacto”.

Consciencia: “Y cuando todo nos falla sólo nos queda la poesía”.

Comentarios