Opinión

Ocultas intrigas

As propostas narrativas ás que deseguido se vai facer referencia comparten a creación de senllas tramas que se fundamentan nun aparente e imprevisíbel azar no que nada é o que en principio semella.

A expensas do que darán como resultado a posta en marcha dunhas pescudas detectivescas non levadas a cabo por profesionais, senón polos auténticos prexudicados dun escuro nobelo de intereses, amparados, respectivamente, no ilícito lucro económico e mais no abuso de poder.

Velaí, logo, o punto de partida, fío vertebrador e nexo de unión de cadanseu título: Unha cervexa Chang, de Manuel Portas; A agonía das folerpas, de Óscar Reboiras.

A primeira das obras traza unha parábola no tocante á ambientación para instalar o conflito nun escenario exótico. O protagonista, eivado por unha temperá educación espartana no relativo aos afectos, en plena crise persoal na vida adulta, vese mergullado, ao comezo da historia, nunha situación kafkiana na que todo semella de vez ir a peor.

De aí que, a expensas dun teimudo afán investigador, mercé ao cal non se lle escatiman horas ao sono para facer procuras en internet, irá afondando nunha dimensión alternativa que, ao pouco, empezará a emerxer.

E así como se van estreitando as pescudas aquela afastada paisaxe inicial onde principia a acción irá aproximando o seu ángulo de enfoque ata realidades que de tan próximas acaban por situar o epicentro no propio eido familiar.

Negocios derivados da especulación urbanística mestúranse co comercio internacional de obxectos ilegais e conflúen nunha ambientación desapracíbel na que a desaparición e o asasinato pairan nunha tensión narrativa que vai en aumento, froito do cal se acaba de configurar o perfil -que devén en redondo- dalgúns personaxes sospeitosos.

Pola súa banda, a obra de Óscar Reboiras desenvólvese nun marco moi concreto de horizontes ben delimitados correspondentes á nosa xeografía interior.

O escenario é o espazo rural que se circunscribe entre os lugares de Prado e Salgueiro, pertencentes ao concello de Muíños, onde na bisbarra da Baixa Limia se cicela unha definida raia con Portugal.

Sendo Pitoes das Júnias, freguesía de Montalegre, o vértice restante dun triángulo de esculca, medo e misterio. Espazo este que serve para pór en evidencia unha realidade mestiza e oculta que, de sempre, se valeu dos riscos abertos polo máis esgrevio dunha natureza compartida.

A simbiose entre o mundo aldeán e o urbano vén da man duns protagonistas -dous traballadores da construción e unha incipiente xornalista- que se converten en vítimas do existir.

A aparición de diversos cadáveres nunha aldea abandonada é o motivo desencadeante da historia, e vai determinar que aqueles tres se vexan mergullados nunha investigación de consecuencias imprevisíbeis.

O medo e a coacción exercida contra seres indefensos ou vulnerábeis actúa como elemento paralizante e distorsionador

E, ao mesmo tempo, por mor de intercalar senllos planos temporais no relato, pasado e presente -por onde flutúan personaxes aparentemente afastados-, irán converxendo nun ámbito que explica e xustifica a crueza dos feitos.

Agachada, críptica, misteriosa, toda a negatividade pretérita, culpas e penas non expiadas, crime e castigo, desentérrase nun proceso de pescuda que ten moito de saldar contas coa intrahistoria, individual, colectiva e comunitaria.

No plano do pasado ficaron conceptos como éxodo, desterro ou abandono, deixando, de xeito sistemático o lar natal, o medio de subsistencia e os lazos grupais da comunidade. No plano do presente, termos como especulación, intriga ou ocultismo -que se vale do silencio e da manipulación informativa- condicionan as costuras dun relato marcado por intereses económicos e relacións de poder.

Como punto de confluencia de entrambas as historias, tanto n’ Unha cervexa Chang como n’ A agonía das folerpas, acaba producíndose un resultado purificador.

En ambas as narracións o medo e a coacción exercida contra seres indefensos ou vulnerábeis actúa como elemento paralizante e distorsionador. A función destes, logo, será encarar a adversidade de xeito que ao desentrañar a trama da intriga o peso da lei recaia sobre quen cometeu os delitos e non ao revés.

Comentarios