Opinión

O sol dentro da cabeza

Suso Díaz é coñecido polo portal d’ As escollas electivas, onde conviven poetas e poéticas na nosa lingua, así como polas recentes edicións colectivas inspiradas nas figuras de Federico García Lorca e Rosalía de Castro.

Este ano no que nas Letras Galegas se celebra a obra do escritor d’ Un país de palabras, o autor de Lobios acaba de publicar O sol dentro da cabeza, cuxo aclarador subtítulo é 76 poemas creados a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares. Un volume co que realiza un exercicio de creación e de recreación a partir dos mundos e dos soños vivenciados polo autor limiao que lle serve de inspiración. Ao tempo que serve para confirmar a presenza dun novo selo poético, VentoAlto, en Edicións Laiovento, dado a coñecer con e Caín, do malogrado Paco Souto.

Un volume co que Suso Díaz realiza un exercicio de creación e de recreación a partir dos mundos e dos soños vivenciados polo autor limiao

 

Valéndose da práctica da intertextualidade, na obra comentada, establécese unha comunicación co conxunto das oito novelas abranguidas entre Vento ferido (1967) e O sol do verán (2002). As recorrentes ambientacións do verán e da calor son o clima no que se desenvolve un amplo repertorio de vasos comunicantes, expresados a través da evocación ou da invocación. Así, entre outros motivos, pódense enumerar a nostalxia, o poder dos afectos, a querenza pola literatura, a expresión da poesía, unha intensa sensualidade, a vindicación da memoria histórica ou a denuncia do abandono da terra.

Porén, outros textos constitúen unha fecunda relectura da obra de Casares: para se reafirmaren na liberdade de principios, connotada en “fixeran posible o MILAGRE DO PÚBLICO”; para se expresaren contra os dogmatismos, en “Sen vidros nas fiestras,/prenden nos ollos o algodón da imaxe milagrosa,/da inocencia casualidade/de manifestacións sobrenaturais/para empurrar unha xente contra outra”; para proclamaren a razón, como única crenza, expresada con certeza neste preciso verso: “O misterio non é máis que un reduto de ignorancia”.

O poder intenso da ollada é o denominador común a toda a obra. Unha ollada cara adentro nunha escrita que interroga sobre a condición do ser e de sermos

 

O poder intenso da ollada é o denominador común a toda a obra. Unha ollada cara adentro nunha escrita que interroga sobre a condición do ser e de sermos; unha introspección crítica e cálida, que amorna coa calor dos afectos e onde mesmo se xustifica o título do poemario: “Escribir coa vontade/de exhibir un sentimento de amor verdadeiro,/coa intelixencia convertida en relato”.

Unha ollada, en definitiva, que afirmando a pureza da raíz auténtica, reclama o valor da visión primeira do existir: “A forza do corazón sepultado/emerxe da profundidade das augas da infancia/escrita cun simple lapis dos anos da escola”. Unha querenza ben recorrente, por certo, en toda a escrita de Casares: a vindicación do ollar da inocencia.

Comentarios