Opinión

O exército de fume

 

Co título desta novela, Manuel Gago simboliza a entrega —silente, pouco coñecida e menos recoñecida— de numerosos homes e mulleres que, dende terras galegas, xa en tempos da II Guerra Mundial, lle fixeron fronte ao totalitarismo fascista imperante.

 

Nunha época na que xa se consumara o aplastamento da resistencia do exército republicano no conxunto do Estado e no que en Galiza os sublevados levaban aplicada, con total impunidade, a súa práctica xenocida durante máis dun lustro.

 

1942 é a data na que converxen os máis dos escenarios —mormente da costa galega— nos que se desenvolve a trama narrativa. Nun tempo no que aínda a suposta neutralidade franquista no conflito europeo só constituía unha cortina de fume encubridora, co gallo de non levantar receos entre o bando aliado, da súa indisimulada simpatía, traducida en apoio explícito, cara ao eixe nazi-fascista italo-alemán.

 

Isto non empeceu que os membros do gabinete de Franco recibisen millonarios subornos por parte do goberno británico. Exercicio no que Juan March, o contrabandista que chegaría a ser principal banqueiro do réxime, xogaría un papel de primeira orde.

 

1942 é a data na que converxen os máis dos escenarios —mormente da costa galega— nos que se desenvolve a trama narrativa.

 

Ao longo das páxinas asístese, entón, ao arriscado e temerario labor de tantas persoas senón anónimas si que fican no anonimato da historia. O triste sino de resistentes e membros da guerrilla que o relato dos vencedores aniquilou e anulou a mantenta da versión oficial.

 

O papel da arte, posta ao servizo do poder, represéntase na utilización interesada da pintura de Urbano Lugrís. Constitúe un efectivo instrumento de dominio co que as forzas do Reich queren exhibir un simple e sofisticado mecanismo de vasalaxe. Consistente este en que quen ten a forza, capital e armas, impón, nin máis nin menos, o poder da lei, da súa lei.

 

Variado e meritorio é o acopio de mostras que a nosa literatura incrementa de cada vez sobre a temática tratada. Neste sentido, o universo da ficción —ao que contribúe asemade de xeito importante a industria cinematográfica— enfoca, en moitos casos, espazos de silencio non tratados, coa profundidade suficiente, pola historiografía oficial.

 

O que, polo tanto, se bota en falla é un traballo divulgativo ensaístico de conxunto no que se analicen, con rigor e ollada analítica contextualizada con suficiencia, asuntos coma os debullados na trama desta obra. A saber, as estreitas implicacións do réxime de Franco coas forzas do Eixe e a resistencia armada das forzas da guerrilla, no noso territorio, ata a extenuación. De recursos, de vidas e, dende logo, de ilusións.

Comentarios